Que se pode facer este venres en Lugo?

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

A Expoverbena comeza este venres no Pazo de Feiras e Congresos.
A Expoverbena comeza este venres no Pazo de Feiras e Congresos. ALBERTO LÓPEZ

Os lucenses poderán gozar das orquestras de moda, a feira do libro infantil, foliada, cine, contacontos e teatro

31 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A cidade dá paso á fin de semana cun venres cargado de eventos e ocio para todos.

CODEX CINEMA

Praza Viana do Castelo, 4. Este venres chegan as novas estreas ao cine con «Unha bonita mañá», ás 18.00 horas; «Crónica dun amor efímero», ás 18.00 horas; «Human flowers of flesh», ás 20.15 horas, e «Matria», ás 20.00 horas.

EXPOVERBENA LUGO

Pazo de Feiras e Congresos, a partir das 20.30 horas. Regresa este venres unha nova edición da Expoverbena no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, un evento no que todos os asistentes poderán gozar das grandes orquestras do momento de forma gratuíta. Os que queiran degustar os pratos da feira, que ofrecerán este ano callos, codillos asado con patacas, larpeirada, café e demais bebidas, deberán pagar 15 euros por persoa.

FEIRA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

O Vello Cárcere, ás 17.30 horas. Lugo, como capital da Cultura do Eixo Atlántico este ano, prepara para hoxe unha feira do libro infantil e xuvenil, que terá lugar no Vello Cárcere a partir das 17.30 horas, con postos de libros á venda. Despois, ás 18.00 horas, haberá unha sesión de contacontos para os máis pequenos a cargo de Ana Carreira, que relatará a historia «Entre serpes e mouros». Ás 19.00 horas terá lugar a presentación do libro «BreiCar en el Camino de Santiago», de Mirella López Díaz e con ilustracións de Carmen Anguez López. Por último, a partir das 19.25 horas, os organizadores prepararán para os asistentes unha merenda saudable.

DOCUMENTAL «MUJER GUERRILLA»

Facultade de Humanidades, de 16.00 a 18.00 horas. O Salón de actos de Humanidades proxectará hoxe o documental «Mujer guerrilla» de Ana Valentina López de Cea, que acudirá ademais alí para celebrar un posterior coloquio co público asistente e esclarecer todas as dúbidas sobre o proxecto.

EXPOSICIÓN «EÓLICA, ASÍ NON!»

Solaina Galería, ás 17.00 horas. Cata Rego, Andrés Dearca, Lúa Gándara, Lois Cid, Olmo Blanco, Raquel Álvarez e Sergio Marey inauguran este venres a mostra «Eólica, así non!», unha variedade de obras que mostran o expolio enerxético ao que nos sometemos.

«CONTOS NO AR»

Biblioteca Pública de Lugo, ás 18.00 horas. Contacontos para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos cun aforo máximo de 20 persoas.

«DE MONETARIA GALEGA»

Museo Provincial de Lugo, ás 19.00 horas. Este venres inaugúrase a exposición «De monetaria galega» con Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo.

«BEN SABE O MAR QUE POSÚO O BOTÍN DAS PIRATAS»

O Vello Cárcere, ás 20.00 horas. Luz Campello presenta este venres a súa obra «Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas» para todo os interesados en coñecer o que hai detrás desta obra.

«DEMENTE»

Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 20.30 horas. «Demente» é unha obra de baile e música tradicional galega composta por oito bailadoras e bailadores, acompañados da música do compositor Cristian Silva Bóveda. As entradas poden conseguirse en entradaslugo.es de balde ata completar aforo.

BARRICO FOLIADA O XEITO

Taberna Os Barricos, ás 21.00 horas. Os Barricos celebra este venres unha foliada para todos os interesados en pasar un bo rato a ritmo de boa música e gastronomía.

CONCERTO DE VERMÚ

Club Clavicémbalo, ás 22.00 horas. O grupo manchego Vermú chega este venres á cidade cun concerto moi especial no Clavicémbalo. As entradas están á venda en wegow.com.

OS MUSTÉLIDOS

Club Clavicémbalo, ás 22.30 horas. Os Mustélidos levarán este venres ao Clavicémbalo o seu mellor repertorio.

XXXIX MOEXMU

Recinto Feiral de Muimenta. A Mostra Exposición Muimenta comeza este venres coa actuación de Asubíos da Chaira ás 18.50 horas, seguido do acto inaugural ás 19.00, no que estará presente o presidente de Deputación, José Tomé Roca.