Viviana Cupeiro, nova presidenta da Sociedade Amigos do Miño: «Coñezo rapazas que son pescadoras e que pescan igual ca os homes»
LUGO
Afirma que a limpeza dos ríos debe ser unha responsabilidade colectiva
10 dic 2023 . Actualizado a las 19:55 h.Viviana Cupeiro (Muimenta, 1984) é a nova presidenta da Sociedade Amigos do Miño. Foi elixida hai varios días e substitúe a Luis Sandamil, a quen lle agradece o traballo feito mentres estivo á fronte da directiva e a axuda que lle está a dar para comezar no cargo. Porén, a súa chegada á presidencia non estaba moi planificada.
«Non había ninguén que se presentase. Ou desaparecía a sociedade ou se metía alguén. Sempre colaborei coa asociación e dixen ‘por probar...'. Foi así, sen pensalo. Dábame pena que se disolvesea a asociación, cos anos de traballo que leva», comenta. A asociación ten uns 250 socios, que viven na Terra Chá pero tamén en Lugo ou en Riotorto.
-Visto dende fóra, unha muller no mundo da pesca non é moi habitual, non lle parece?
-Vanse vendo cada vez máis mulleres. No concurso de pesca do ano pasado participou unha rapaza; na asemblea [de socios] había outra. Antes estaba eu soa. Aínda non hai moitas mulleres pescando, pero algunha xa hai.
-Por que hai poucas mulleres?
-Levo pescando dende os sete anos. Meu pai levounos a miña irmá e a min. Miña irmá non quixo seguir. Eu deixeino mentres estudaba, pero logo recuperei a afección, e a miña parella, tamén. Vénme un pouco de familia.
-Que se pode facer para que as mulleres se acheguen á pesca?
-Hai que probar. Cando pensas que algo é cousa de homes ou de mulleres, xa estás pensando que non vas probar iso. Moita xente di que non lle gusta a pesca porque non a probou, e se non se proba, non se sabe se gusta ou non. Por ser muller non me sinto máis ou menos ca ninguén. Nos concursos de pesca somos todos iguais.
-É a pesca un mundo de homes?
-Cada vez menos. A todo o mundo lle parece que si, pero eu diría que non. Que hai máis homes pescando? Si, pero tamén hai mulleres. A min, dende pequena, sempre me gustou xogar ao fútbol sala e ao fútbol: se me gusta algo, fágoo. Para min, a pesca non é un mundo de homes, é algo que pode practicar calquera. Eu coñezo rapazas ques son pescadoras e que pescan igual ca os homes, aínda que tamén é algo que depende do día. Pero tamén é certo que se vas a un concurso de pesca, o noventa por cento son homes.
-Non hai moita xente nova que pesque. Como se pode corrixir iso?
-Non sei. Os nenos xogan ao fútbol ou pasan moito tempo co ordenador. Quizais se está perdendo o contacto coa natureza, iso de estar fóra. Eu teño unha afillada e quíxena levar de pesca, pero non lle gustou [ri]. A pesca é algo que me inculcou meu pai. Os nenos quizais están a outras cousas, pero en Muimenta hai algún que si pesca.
-A sociedade xestiona dous coutos de pesca na Terra Chá. Ten que implicarse todo o mundo no coidado dos ríos?
-É algo no que nos temos que implicar todos, incluídas as administracións. Non abonda con ter o río limpo de lixo, hai que telo tamén limpo de maleza. Non pode haber vinte árbores tirados no río porque de aí veñen as enchentes. Nós facemos limpeza dos nosos coutos, e en setembro, cada ano, facemos outra. Cada vez hai menos lixo, pero este ano chegamos a sacar do río unha vaixela completa.
-Pode haber ríos limpos se non vive preto xente que os coide?
-Se hai xente, o río estará máis limpo; se hai pesca, tamén. Nos lugares onde non hai poboación, a limpeza é máis complexa se non a fan as administracións.
-Como está de saúde o río Miño coas troitas?
-Podía estar mellor. Os ríos cada vez levan menos auga. Este ano choveu; pero, ás veces, en xuño os ríos levan a auga que deberan levar en setembro, no final do verán. O cambio climático afecta. Non hai as troitas que había cando eu era pequena: hoxe tes que fixarte para velas.
-Fálase de pesca con morte e de pesca sen morte. Que lle parece esa polémica?
-Nesa polémica non quero entrar. O río é para todos, e o importante é que o río estea san e que nel poidan estar todos, pescadores con morte e sen morte.
-Como pesca vostede?
-Eu pesco con morte, pero non descarto que o poida facer sen morte.