A provincia de Lugo mobilízase un ano máis polo 25-N

A. S. LUGO / LA VOZ

LUGO

Manifestación do 25-N do ano pasado en Outeiro de Rei
Manifestación do 25-N do ano pasado en Outeiro de Rei Cedida

Diversas localidades preparan xa actos para este luns, nos que se rexeitan as prácticas machistas e se piden medidas

24 nov 2024 . Actualizado a las 13:09 h.

A provincia de Lugo vólvese mobilizar este luns, como cada ano, para reclamar o freo aos ataques contra as mulleres no país. Neste 25-N, Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, concellos de toda a provincia preparan actos e manifestacións para amosar o seu rexeitamento á lacra machista e para reivindicar máis medidas para protexer ás mulleres dos seus agresores.

LUGO

Escape Room

A Deputación de Lugo organiza este luns a primeira «Escape Room» de temática feminista. Titúlase Axúdame, por favor, e está organizada polo alumnado do CIFA da Deputación. A actividade terá lugar entre as 9.15 e as 13.45 horas e contará con dez sesións, cada unha con seis prazas dispoñibles. Esta actividade, gratuíta, conta a historia de Clara, unha muller atrapada nunha relación abusiva, tanto a nivel emocional como físico. Durante os últimos meses, Clara intenta, en secreto, comunicarse cos seus amigos e familiares, deixando pequenas pistas coa esperanza de que alguén entenda a súa situación e poda axudala. A partir deste argumento, os participantes tentarán atopar todos os indicios da violencia de xénero que está vivindo Clara, para así poder axudala a través dos diferentes mecanismos que a cidadanía ten ao seu alcance na loita contra as violencias machistas.

Manifestación feminista

A Plataforma Feminista de Lugo convocou para este luns unha manifestación contra a violencia de xénero que arrancará ás 20.00 horas na Praza do Seminario. Esta percorrerá a rúa Bispo Aguirre e a Praza Maior ata acadar a Praza de Santa María, onde se lerá un manifesto. O seu lema nesta edición é «Maltrato institucional = dobre violencia patriarcal».

Lectura dun manifesto

O Concello de Lugo non quixo quedarse atrás e anunciou que se lerá un manifesto contra a violencia machista este luns, fronte ó consistorio, ás 19.00 horas. A encargada será a profesora de ensino secundario do IES Ánxel Fole, Felisa Redondo Valín. O Concello colabora tamén na organización dun torneo de baloncesto 3X3 reivindicativo, na instalación dunha mostra de arte e artesanía o día 28 ou cunha iniciativa da asociación de mulleres empresarias para colocar un chal violeta a tódalas estatuas de mulleres da cidade.

OUTEIRO DE REI

Andaina reivindicativa

Dentro da campaña de sensibilización que organiza o Concello de Outeiro de Rei con motivo da celebración do Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres realizouse onte unha andaina popular pola ruta Penas de Rodas - Miradoiro de Paraños. A actividade comezou ás once da mañá e durou varias horas. Nela participaron «persoas que camiñaron conxuntamente para apoiar a loita contra a lacra social que supón a violencia contra as mulleres», asegurou o Concello.

VILALBA

Acto simbólico

O Concello de Vilalba leva, desde o pasado día 19, promovendo distintas actividades de cara a este 25-N. Este luns levarase a cabo un acto simbólico na Praza da Constitución. Este consistirá en crear un espazo no que as mulleres poderán participar pendurando nun tendal simbólico aquelas situacións de violencia que viviron polo feito de seren mulleres. Tamén este luns, o alumnado do IES Lois Peña Novo participará nunha charla informativa enfocada á violencia sexual. O programa vilalbés rematará mañá co contacontos Medrar libres e iguais, que se ofrecerá ao alumnado da Escola Infantil Municipal co obxectivo de «ofrecer unha programación ampla que chegue a tódalas xeracións», dixo a alcaldesa, Marta Rouco.

SARRIA

Diversas actividades

En Sarria está programada a lectura dun manifesto para este luns, ás 13.30 horas, na Casa do Concello. Como xa se fixo a semana pasada, celebrarase o obradoiro «O mundo de cores de Roque e Lía», impartido pola pedagoga Paula Suárez, dirixido ao alumnado de infantil e primaria. Este 25-N, o concello sarriano pretende reafirmar o seu compromiso coa eliminación da violencia contra a muller baixo o lema «Voa alto, voa libre».

XERMADE

Obradoiros no colexio

Xermade prepara para este luns dous eventos relacionados co 25-N. O primeiro terá lugar ás 12.00 horas, fronte ao consistorio. Consistirá nun minuto de silencio e na lectura dun manifesto contra a violencia machista. Durante todo o día, o CEIP Plurilingüe de Xermade celebrará unha serie de obradoiros para os alumnos nos que se sensibilizará aos menores da importancia deste tipo de violencias. 

GUITIRIZ

Un documental

O Concello de Guitiriz conmemora este 25-N cunha programación especial de varias actividades. Por un lado, este sábado proxectouse o documental En deuda con todas na Escola Habanera. Tratouse dunha peza sobre a loita pola despenalización do aborto en El Salvador e o dereito a decidir sobre os corpos. A segunda actividade será a andaina Con todas, programada para este luns mesmo a partir das 17.00 horas. A andaina terá unha duración aproximada dunha hora. A saída farase desde a praza do Campo da Feira, pasando polo río Forxá, Ponte Veiga e o paseo de Boedo, e chegando novamente á praza do Campo da Feira, onde ao rematar farase unha concentración.

MEIRA

De negro

O Concello de Meira, pola súa parte, organizou para este luns un evento especialmente solemne. A corporación municipal pediu aos veciños que vaian á Praza do Concello, ás 12.00 horas, completamente vestidos de negro. Desta maneira, pretenden amosar o seu rexeitamento ás violencias machistas. Leranse varios manifestos. O primeiro, unha declaración institucional da Federación de Concellos. O seguinte, un comunicado da plataforma feminista da contorna. E, por último, escoitarase a voz de calquera veciño ou veciña que desexe participar.

BEGONTE

Varios eventos

O Concello de Begonte ten preparadas varias actividades nos próximos días. Este luns mesmo se celebrará unha concentración silenciosa en memoria das vítimas da violencia de xénero, ás 12.30 horas, no consistorio. Media hora despois, farase a presentación dunha mesa de igualdade no telecentro de Begonte. O sábado haberá unha andaina, un partido de fútbol sala solidario e unha obra de teatro na Casa da Cultura. Todos estes eventos amosarán un xesto contra a violencia de xénero.

A FONSAGRADA

Convocatoria

En A Fonsagrada, o Concello fixo un chamado á veciñanza para que acudise ás 12.00 horas deste luns á praza do Concello para facer unha concentración contra a violencia machista. Na promoción participaron o colexio de Negueira de Muñiz, o IES Fontem Albei, o colexio da Fonsagrada e o residencial Rois.