A funeraria de Lugo que se estrea en Tiktok: «Pensamos nun formato atractivo, aínda que esa palabra non adoita relacionarse co noso traballo»

Paula Álvarez García
P. ÁLVAREZ LUGO / LA VOZ

LUGO

Jorge Balado é o xerente da funeraria lucense Serfuja, situada no polígono de As Gándaras
Jorge Balado é o xerente da funeraria lucense Serfuja, situada no polígono de As Gándaras LAURA LEIRAS

Serfuja é a primeira funeraria da provincia que se lanza á plataforma, e faino co seu proxecto divulgativo «Morte Segura», co que pretende visibilizar as curiosidades do seu traballo e normalizar a morte

04 dic 2025 . Actualizado a las 23:45 h.

A funeraria Serfuja xa deu un paso cara o mundo dixital. A compañía lucense vén de estrear o proxecto divulgativo audiovisual Morte Segura, co que inaugurou recentemente a súa conta en Tiktok. É a primeira firma da provincia deste sector que ten presenza na plataforma. O obxectivo da iniciativa, segundo explica o xerente, Jorge Balado, «é amosar, mediante un formato audiovisual breve e dinámico, as particularidades e curiosidades do traballo diario no sector».

A primera peza de Tiktok, que funciona como tráiler e que se replicarán noutras redes sociais nas que tamén está presente Serfuja, seguiranlle outras específicas sobre cuestións coma o tratamento que se lle dá a un cadáver nunha sala de tanatopraxia, os dispositivos cos que non se pode enterrar ou cremar un corpo ou o funcionamento dun forno crematorio e dunha cámara de conxelación, nas que afonda o xerente da empresa.

A este respecto, Balado asegura que se trata «dun novo paso na destrución de tópicos e na normalización da morte, fundamental para levar luz a un sector que sempre se atopou na escuridade, máis se cabe en culturas coma a galega. O xerente de Serfuja incide, ademais, no carácter divulgativo do proxecto e insiste na súa preocupación por romper cos mitos «que nos afastan do proceso máis natural que existe, que xera malestar e inquedanzas en nós precisamente porque evitamos falar del».

Cabe engadir que antes da creación e o impulso deste novo perfil, a comunidade da compañía en redes sociais xa se achegaba aos 1.700 seguidores. Serfuna emprega estas canles para a divulgación dunha ampla variedade de temas vencellados á morte e á actividade desenvolvida neste ámbito. «A conta de TikTok terá un enfoque específico, xa que se trata dunha plataforma pensada e dirixida a un perfil de xente que fai un consumo moito máis rápido e menos profundo», explica Balado, ao tempo que engade que «o obxectivo de Serfuja é eliminar tabús totalmente anacrónicos, cun formato que agardamos que funcione moi ben ao resultar ameno, dixerible e atractivo, tres adxectivos que tradicionalmente non se asociarían ao noso traballo».

Outras iniciativas

Máis aló do formato dixital, a firma lucense traslada as súas actividades a vida real a través de proxectos de diversa índole. Entre eles destaca a guía de apoio para a prevención do suicidio impulsada no ano 2022, dispoñible para a súa descarga gratuíta e confidencial na súa páxina web; as medidas normalizadoras levadas a cabo por Serfuja ou o concurso infantil de relatos e debuxo «Que é a morte para ti?», impulsado en 2019 co obxectivo de achegar a realidade dun falecemento aos nenos e nenas dun xeito lúdico, sen caer en dramatismos. «Estes son só dous dos casos que desenvolvemos no eido da divulgación sobre a realidade funeraria e agora TikTok permitiranos afondar nesta liña, apoiándonos en recursos audiovisuais e amosando curiosidades moitas veces pasan desapercibidas», conclúe Balado.