Lugo amosa o valor histórico e a evolución da pandeireta nunha exposición de carácter didáctico

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

A exposición chega a Lugo por iniciativa do Consello da Cultura Galega e co apoio da Vicepresidencia da Deputación
A exposición chega a Lugo por iniciativa do Consello da Cultura Galega e co apoio da Vicepresidencia da Deputación Laura Leiras

A mostra está instalada na capela de Santa María e péchase o 9 de xaneiro 

03 dic 2025 . Actualizado a las 20:39 h.

Que pandeireta é un instrumento presente na cultura galega é algo do que non se pode dubidar. O que quizais xa non resulta tan doado é atopar espazos nos que se amose o seu valor histórico e se describa a súa evolución: velaí, pois, a importancia do proxecto «A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral», que o Consello da Cultura Galega presentou este mércores en Lugo e que vai acompañada dunha exposición sobre innovacións do instrumento.

A exposición, que se pode visitar na capela de Santa María ata o 9 e xaneiro, concibiuse con carácter didáctico, pois o seu comisario, Luciano Pérez, salientou que se dirixía a todos os públicos para transmitir o estado actual da pandeireta en Galicia. Nese sentido, recoñeceu, dáse o paradoxo de que é un instrumento moi popular pero tamén moi descoñecido.

Na exposición poden verse máis de vinte instrumentos, históricos e contemporáneos, procedentes de coleccións privadas. Entre esas pezas, que axudan a entender a evolución técnica e estética da pandeireta, están unha pertencente á colección do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol e unha de Gonzalo Álvarez Martínez, primeiro artesán de quen se ten noticia porque gravou o seu nome no instrumento.

A exposición amosa o que hai de tradición e tamén de vangarda arredor das pandeiretas
A exposición amosa o que hai de tradición e tamén de vangarda arredor das pandeiretas Laura Leiras

Unha parte tamén importante da exposición —que de Lugo irá a Ferrol, a Ourense e a Pontevedra— é a dedicada á evolución dos parches, que nun primeiro momento se facían con pel de ovellas e de cabras e aos que logo se lles engadiron tratamentos coma curtidos ou encolados. Asemade aténdese á evolución das ferreñas, elaboradas en folla de lata hoxe e en ferro nun primeiro momento, e expóñense prendas de vellas cantareiras.

Coa exposición téntase reflectir, como di Luciano Pérez, que a pandeireta, malia a sinxeleza de estar feita cun aro de madeira ademais de pel e dunhas ferreñas, en Galicia soa de xeito diferente grazas ao traballo do artesáns que as elaboran e dos músicos que as tocan.