«As investigacións e loitas de Reigosa seguen vixentes hoxe en día; moita xente vaise sorprender»

Laura López LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

FOTO MANUEL

Este domingo presenta en Castroverde o libro «Castro Verde nas crónicas de Rogelio Reigosa»

13 ago 2017 . Actualizado a las 13:44 h.

O investigador e filólogo medieval Ricardo Polín, de Castroverde, é un dos maiores expertos no Camiño Primitivo. Este domingo presenta o seu libro Castro Verde nas crónicas de Rogelio Reigosa. O acto terá lugar ás 12.30, na Feira de Artesanía que se celebra en Castroverde. A obra supón o primeiro estudo da vida e obra completa do historiador, profesor e sacerdote Reigosa, natural de Castroverde (Montecubeiro), onde foi nomeado cronista honorario, e que faleceu en 1975.

-¿Que recolle este libro?

-En total, son 450 páxinas que recollen unha edición da súa obra completa, máis unhas anotacións; un estudo preliminar sobre a súa produción e o que supón a súa obra para Castroverde e outros concellos como Lugo, O Corgo, Pol ou Baleira; e un estudo biográfico con fotos inéditas.

-¿Como xurdiu a idea de elaboralo?

-Este é un proxecto que teño meditado hai moito tempo porque Reigosa dedicou o 90% da súa vida á investigación e promoción cultural de Castroverde e dos concellos limítrofes e, tristemente, agás os maiores, non se recorda, é un descoñecido na súa terra. Tamén aconteceu que tivo unha morte moi tráxica, xa que faleceu en accidente, atropelado, con 75 anos e, aínda que case cego, moi ben intelectualmente e cunha produción moi intensa nese momento, e toda a súa obra quedou espallada nos xornais da provincia e noutras publicacións. Así que hai uns anos empecei a pescudar na súa obra e reconstruír a súa vida. Hai ano e medio xa promovín unha homenaxe e agora presento o libro.

-¿Cal é a importancia de Rogelio Reigosa?

-Reigosa pertence a unha xeración moi interesante para a historia xeral da provincia de Lugo. Ordenouse sacerdote nos anos 20, sendo compañeiro de Francisco Vázquez Saco, de Sarria, e ambos eran moi bos latinistas. En plena República estudou a carreira de Maxisterio e compaxinou desde entón as dúas facetas, a de crego e a de profesor, e engadiulle a de historiador. Reigosa investiga sobre o patrimonio monumental e documental e analiza e deixa constancia, por exemplo, da transformación do cultivo agrario, dos avances tecnolóxicos, da urbanización de Castroverde e o arrinconamento do patrimonio máis antigo... Toca temas que máis de 40 anos despois aínda seguen vixentes.

-¿Por exemplo?

-Fixo hai más de 40 anos un alegato para salvar Soutomerille, e hoxe estamos a punto de perdelo. Estudou todo o patrimonio vinculado ás casas señoriais e ás familias nobiliarias, fixo as primeiras pescudas no ámbito arqueolóxico e, de feito, elaborou o primeiro catálogo arqueolóxico da contorna. Hai que lembrar que Reigosa rematou como profesor e sacerdote na mesma parroquia, Santa María de Monte. Eu coñecino sendo un rapaz e chamábame a atención que era case incapaz de ler, era case cego e tiña que pegar a vista ao libro, e aínda así facía transcricións de pergamiños e manexábase con manuscritos. Pero ten outra faceta moi interesante, a solidaria, pois era un home moi preocupado polo progreso social e realizou varias obras de mecenado. Fundou dúas escolas: a de Santa María de Monte e a de Montecubeiro, un edificio de dúas plantas que non chegou a funcionar porque a Reigosa sorprendeuno a morte. Construíu unha ponte, a da Esbaradoira, sobre o río, para que os nenos puidesen acceder á escola do Alvaredo, ergueu unha capela na zona e, ao lado, o cemiterio. Neste sentido, creo que é necesario facer unha ruta cultural lembrando a Reigosa e poñer estas construcións en valor.

-A súa obra segue vixente, entón.

-As investigacións e loitas de Reigosa seguen vixentes hoxe en día; moita xente vaise sorprender. O de Soutomerille é un claro exemplo, nun bosque centenario, con dous castros... e el relata como se ía desmontando o cárcere, a picota, as lápidas visigóticas... Foi un gran incomprendido. Con este libro pretendo tamén chamar a atención sobre a importancia da historia porque concellos como Castroverde, Sarria, Viveiro ou Mondoñedo teñen unhas raíces moi fondas na historia, e estámola deixando esmorecer, Castroverde non coñece a súa historia, a pesar de ter un Camiño Primitivo Patrimonio Mundial. Tamén creo que non se debe deixar esmorecer a figura de cronista. É moi necesario un centro de estudos que promova a investigación histórica, etnográfica, musical...

Reigosa fixo hai máis de 40 anos un alegato para salvar Soutomerille

É necesario facer unha ruta cultural lembrando a Reigosa

Castroverde non coñece a súa historia, a pesar de ter un Camiño Primitivo Patrimonio Mundial

«Os problemas de sinalización non se van acabar no Camiño se non fan con rigor»

Polín tamén se fai eco dos cambios no trazado e sinalización do Camiño Primitivo que se fixeron hai unhas semanas.

-¿Que opina deses cambios?

-Isto é un despropósito. Os problemas de sinalización nunca se van acabar se isto non se fai cun certo rigor científico. Había que ter respectado o seu trazado histórico, pero está todo como hai 25 anos, co Camiño ocupado cun descaro tremendo e a ruta falseada. E disto ímonos arrepentir no futuro porque a xente que vén de Taiwán ou China quere encontrar as pegadas do pasado, unha ruta medieval, non un camiño do século XXI urbanizado e moderno. Se isto non se arranxa agora despois esquecerá e xa non haberá nada que facer.

-¿Houbo melloras desde a declaración da Unesco?

-Moi poucas. Este parece un camiño anónimo, sen nomes, sen información. Os peregrinos ven capelas, ruínas de hospitais de leprosos, milladoiros, e non hai ningunha información ao respecto; a capela de Santiago, por exemplo, debería ter unha misa do peregrino, un ritual de visita para quen peregrina por fe. E para mellorar iso precísase pouco investimento, pero moita sensibilidade.