«Crieime entre caldeiros de polbo»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

Esta lucense, que rexenta Casa Pedreiro e O rei do pulpo, non desvela o segredo da receita

14 mar 2017 . Actualizado a las 21:24 h.

A lucense Vanessa Ferreiro, natural de Castroverde, acaba de ser elixida como a mellor polbeira de Galicia no Fórum Gastronómico da Coruña, que se celebra desde o domingo e que remata hoxe. Os participantes neste certame tiveron que cocer o polbo e o xurado valorou o sabor, a textura, o punto de cocción, o aliño, o corte e a presentación do polbo. Cada concursante aportou pola súa conta o exemplar, o caldeiro, o fogón e o aliño. Vanessa Ferreiro gañou o primeiro premio, dotado con 1.000 euros e un diploma, e superou mesmo a concursantes de O Carballiño, localidade berce por excelencia da cociña do polbo.

-¿Como pode ser que a mellor polbeira de Galicia estea en Lugo e non no Carballiño?

-Estou moi contenta por gañar este premio, pero tamén moi orgullosa de que recaese o galardón en Lugo, porque en Lugo hai polbeiros moi bos aínda que estean menos recoñecidos.

-¿Cal é o segredo para cocer o mellor polbo?

-Hai que darlle varios golpes e tratalo con moito cariño [risas], pero máis xa non podo desvelar, o segredo non o podo dicir. O que si é certo é que eu fago as cousas moito por impulso.

-¿Foi difícil a proba?

-O peor foron os nervios, ese día tiveramos moita xente no restaurante e fun moi nerviosa ao concurso.

-¿Esperaba gañar?

-Non esperaba nada porque o feito de participar neste concurso, para min, xa é todo un logro. Pero xa participara outro ano no mesmo certame e quedara en segunda posición, así que esta vez quería quedar primeira. ¡Moito polbo estiven cocendo este ano para conseguilo!

-A experiencia tamén é unha baza coa que conta vostede, ¿verdade?

-Pois si, meus pais son polbeiros, así que eu crieime entre caldeiros de polbo, desde moi nena aprendín o oficio. Ademais, teño un restaurante ambulante, O rei do pulpo, que era de meus pais, no que servimos polbo, churrasco, lacón... e estou moi orgullosa de poder ter agora o título de mellor polbeira de Galicia. Desde logo, este recoñecemento non sería posible sen esa experiencia e sen o apoio de meu pai, que me inculcou a constancia e a dedicación plena, de miña nai, que me apoia en cada reto novo que fago, e de miña irmá, que me axuda sempre. E non me podo olvidar da xente do Concello de Castro de Rei, que veñen moito comer por aquí.

-¿Cociña sempre o polbo á feira ou tamén innova coa elaboración deste prato?

-Tamén rexento un restaurante en Rozas, Casa Pedreiro, no que servimos polbo á feira, pero tamén encebolado, á prancha ou en mousse, ademais doutras especialidades como cachopo, croquetas ou chipiróns. De todas formas, a xente segue preferindo comer o polbo cociñado á maneira tradicional.

-¿Cal será o próximo reto que asuma?

-Eu son bastante aventureira, así que pronto encontrarei outro reto. Pero, de momento, imos celebrar o primeiro aniversario de Casa Pedreiro este venres 17 cunha festa na que sortearemos un voo en avioneta e haberá tamén outros moitos regalos para os que veñan.

Ferreiro aprendeu o oficio de seus pais, que tiñan un restaurante ambulante

Explica que a xente segue preferindo o polbo cociñado á maneira tradicional