Xoán Vila: «Fixen unha mostra de amizade»

Suso Varela Pérez
SUSO VARELA LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O artista presenta unha foliada artística e de homenaxe á cultura popular galega

22 ago 2017 . Actualizado a las 00:05 h.

Hai máis dunha semana que Xoán Vila presentou na Capela de Santa María a exposición Foliada, quizais a súa mostra máis persoal, ou polo menos, a que máis ganas lle puxo, e culpa dizo tamén foi que lle permitiran empregar un espazo «tan máxico» como a capela

-Como está a ser a acollida a mostra por parte da xente?

-Creo que encaixou moi ben. Tiven a sorte de que o día da inauguración houbo moita xente e xa me dixeron que lles gustara o que quixen transmitir, unha foliada como expresión da nosa cultura popular, como mostra de diálogo fraternal entre veciños, amigos, familiares...

-Que supón para vostede expoñer na Capela de Santa María?

-Pois un luxo, porque fixen a mostra pensando no espazo, e vai e tal como eu quería que fora. Estudei ben a sala e adaptei as obras. Tiña unha idea do que quería expoñer, pero fun a uns concertos que deron Budiño e Rosa Cedrón na capela e foi como o misto que prendeu a caixa enteira, foi a mensaxe definitiva pola que decidín que alí tiña que amosar unha foliada. Creo que esta mostra suporá un punto de inflexión na miña carreira.

-Pero é máis que unha mostra sobre a festa e a nosa cultura?

-Si, por exemplo a peza que abre, Agarimo, é como un reclamo de amizade. Está feita para que o público se poda sentar, mellor en parella, e así notas que estás como abeirado, como querido. En toda a mostra quixen reflectir os lazos de amizade, coas pezas dispostas de maneira que bailan, cantan, saltan... tal e como se facía na nosa cultura popular.

-E como foi o proceso creativo?

-Tiña na cabeza as foliadas nas que estiven, cun grupo de amigos xunto a un vaso de viño ou por exemplo cando estaba facendo as pezas viñéronme ao recordo os meus veciños e os meus familiares, por iso ten un punto sentimental. Tamén é unha homenaxe a eles e á nosa música tradicional galega. Son moi dado a ir a Pardiñas, fun este ano. E alí collín inspiración para esta colección, porque ves como se xunta de repente xente que non se coñece e se poñen a cantar e a bailar, e logo fanse amigos para sempre. Ese espírito quixen trasladado á exposición.

-Está máis cómodo agora facendo pezas grandes?

-Gústame usar materiais nobres, como a pedra, o ferro e a madeira, pero quedo coa madeira de carballo e de castiñeiro. E coas pezas grandes interacciono mellor, relaciónome mellor con elas cando estou creando.

-Cando comezou a súa carreira artística, pensaba chegar ata este punto?

-Para nada, non pretendía chegar a nada en concreto. Os homes temos unha escaleira e imos subindo chanzos, e eu non sei se subín un, dous, tres, catro... Aínda me falta para chegar ao infinito.

-Segue algunha corrente artística concreta?

-Non sigo modas, nin vangardas. Prefiro non sentirme influenciado. Fago o que me gusta e coa intención de chegar ao maior número de xente. Iso si, gústame ir a feiras como Arco, ou a museos de España e do estranxeiro, para ver o que fan outros.

-Debería haber máis esculturas de madeira na cidade?

-Si que debería estar máis presente, pero tamén entendo que o tempo chuvioso que hai en Lugo non axuda á súa conservación. No xardín do Museo hai pezas de Pestana, de Álvaro de la Vega, miñas e doutros artistas.

-E cal é o seguinte reto que se marca?

-Pois gustaríame expoñer na sede de Correos en Cibeles. Para min Correos é como a miña segunda casa e sei que teño a portas abertas. Teño pensado facer unha mostra de homenaxe á carta manuscrita. Hoxe vivimos grazas ás novas tendencias, pero segue facendo moita ilusión cando recibimos unha carta ou unha postal. Expoñer na sede de Correos é unha materia pendente, pero xa está cobrando forza