«Lugo é unha cidade aberta ao mundo, como un gran escenario onde crear»

LAURA LÓPEZ LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

carlos castro

O pintor noiés Alfonso Costa expón na Galería La Catedral medio cento de obras baixo o título de «Metamorphosis»

15 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O recoñecido artista Alfonso Costa (Noia, 1943) mostra na Galería La Catedral (Lugo), a exposición Metamorphosis, que estará aberta ata novembro. A mostra propón «desentrañar o invisible das cousas e dos feitos», «abrírmonos á luz para ver e sentir con máis lectura e claridade», segundo di Eva Veiga no catálogo. Pode visitarse de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00.

?¿Que tipo de obras expón?

?Trátase de 51 obras de pequeno formato, no que levaba anos sen traballar. O tamaño é moi importante e eu quería reducilo para chegar ao núcleo das cousas.

?¿Como xurdiu a idea?

?Porque sempre, na miña evolución na pintura, vivo como unha volta a empezar, a abrir as ás e buscar novos horizontes. Desde os 16 anos que marchei a Barcelona, sempre estiven buscando un estilo propio, experimentei moitos cambios, co tempo queres abrirte máis, vaste transformando... Normalmente traballo en obras grandes, de dous metros, e hai catro anos empecei con obra pequena, e iso cambia moito. No cadro grande sempre necesitas unha composición moi coidada, pero tamén simplicidade, e no tamaño pequeno ten que estar o esencial, o xusto. Foi unha experiencia moi positiva.

?¿É esa a metamorfose á que se refire co título da mostra?

?É algo peculiar porque os críticos sempre falaron da miña metamorfose, da miña esencia galega, dese aleteo que está na pintura, e teño bastantes obras con ese título, pero quixen sacarlle aínda máis partido.

?En Lugo comezou a expoñer nos anos oitenta, pero agora xa había tempo que non o facía. ¿Que lle transmite esta cidade?

?Lugo encántame, é un sitio apaixonante, como un pobo grande, moi recollido, pero hai moita historia, é como se as pedras falasen. A pintura e as diferentes artes florecen en cada pedra. Ademais, hai moitos artistas, pintores e escultores, moi bos. Lugo parece unha cidade pechada, pero non o é, está aberta ao mundo, como un gran escenario onde crear. É unha cidade moi comunicativa, e séntese xa nas xentes pola rúa. Ademais, ten uns museos impresionantes. Hai uns anos encargáronme un gravado sobre Lugo e iso permitiume redescubrir a cidade.