O Campus de Lugo lidera un proxecto autonómico para loitar contra os lumes

LUGO CIUDAD

A USC impulsa a investigación para sensibilizar á sociedade, mellorar as prácticas de extinción e recuperar os solos e a vexetación tralos incendios

17 oct 2017 . Actualizado a las 11:41 h.

O Campus de Lugo lidera un proxecto autonómico para previr e mitigar os efectos dos lumes. A USC, en colaboración coa Xunta de Galicia, impulsa o programa pioneiro «Plantando cara ó lume», que busca a transferencia de coñecementos e de resultados de investigación para avanzar na sensibilización social contra os lumes e tamén na mellora da capacitación e formación práctica para loitar contra os incendios e para a posterior recuperación de solos e da vexetación asolada polas lapas.

«Plantando cara ó lume» é unha iniciativa xurdida no Campus Terra da USC, baixo a coordinación do profesor do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola Agustín Merino. Na súa primeira andaina, este proxecto implicou a diversos investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da facultade de Formación do Profesorado de Lugo, ademais do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, dependente da Xunta de Galicia, así como a estudantes universitarios que, tras un período de formación previa, trasladaron logo experiencias, proxectos e coñecementos a centros escolares e responsables de comunidades de montes.

A fonda sensibilidade xerada polos múltiples danos persoais, económicos e ambientais provocados polos incendios forestais no territorio, unida á crecente preocupación por «dar resposta e buscar solución a un problema estrutural da sociedade», en palabras de Merino, redobra os recursos do proxecto, ao que este ano se incorporan investigadores das facultades de Bioloxía, Económicas e Ciencias da Comunicación, ademais de todos aqueles estudantes interesados en participar nesta sorte de voluntariado universitario.

A vaga de lumes  rexistrada nos últimos días en Galicia causou xa efectos dramáticos, pero a súas consecuencias medioambientais, segundo explican desde a USC, poden acentuarse nos vindeiros meses por mor da extensa superficie asolada polas lapas e, sobre todo, a causa dos efectos da erosión dos solos coa chegada do inverno e das choivas.

Ante esta situación, Merino entende que «Plantando cara ó lume» constitúe unha iniciativa aberta á participación de todas as persoas, a través da que os seus promotores tratan de dar a coñecer a todos os estamentos da sociedade, desde os escolares ata os propietarios e xestores de comunidades de montes, os posibles efectos dos incendios no territorio, ademais de propoñer solucións para minimizar os riscos, así como para rehabilitar os solos e a vexetación das áreas afectadas.