«Este ano houbo que regar ata tres veces por día os cultivos»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LUGO CIUDAD

FRANCISCO ALBO

A combinación da seca e as xeadas causou graves danos ao sector hortícola no sur lucense

03 nov 2017 . Actualizado a las 23:06 h.

Carlos Pérez Álvarez rexenta na praza de abastos de Monforte a tenda de hortalizas, verduras e froitas Terras de María Castaña, que se abastece en grande parte da sua propia produción como agricultor. Como a moitos outros profesionais do sector, as adversas condicións meteorolóxicas deste ano están a causarlle numerosos problemas. Entre outros, a falta de castañas, que lle foron solicitadas onte pola mañá por varios clientes sen que puidese satisfacer a demanda.

-¿Como está resultando a temporada en canto ás castañas?

-Moi mala. A primeira e a segunda semana de setembro tivemos unhas poucas castañas temperás, pero despois diso xa non houbo praticamente nada. A castaña veu moi cedo este ano, pero foise tamén moi cedo. A pouca que veu despois estaba moi seca e atacada polas pragas e non se podía aproveitar. As castañas que vendemos proceden na súa maior de soutos da Pobra do Brollón e este ano a colleita é malísima nesa zona e en todas partes. Antes era normal que nesta época do ano viñesen nun só día ata tres ou catro produtores a ofrecer castañas, pero desta vez non vén nin un. Coas setas está pasando o mesmo, que non hai praticamente ningunha. Esta temporada tíñamos previsto participar en varias xornadas de iniciación á micoloxía en Monforte, A Pobra do Brollón e O Barco de Valdeorras, e houbo que cancelar as tres porque non había setas en ningún sitio.

-¿E en hortalizas?

-Entre as xeadas que caeron na primavera e a seca que estamos tendo desde hai meses, esta temporada está sendo tamén moi negativa. As xeadas acabaron con moitísimas cabazas, patacas, fabas... Con todo, ata cos tomates dos invernadoiros. Despois das xeadas houbo que volver plantar moitas cousas, pero foi moi difícil manter os cultivos con tan pouca auga. A única cousa positiva foi que as patacas que se criaron despois das xeadas saíron bastante ben. Foi grazas a que a xeada varreu os escaravellos que as atacan.

-¿Como fixeron para conseguir ter abastecido o negocio a pesar destes problemas?

-Houbo que traballar o dobre do normal. Por exemplo, antes que caesen as xeadas plantaramos unhas oitocentas cabazas nas nosas fincas e non quedou viva nin unha. Non houbo máis remedio que plantar outras oitocentas cabazas para non perder a colleita. Pasou o mesmo cos feixóns. Tiñamos plantados cerca de setecentos e despois das xeadas houbo que plantar todos de novo.

-E con tan pouca chuvia, habería que regar moito máis as plantacións.

-Si, porque cando non chove as plantas non só medran menos, senón que son máis vulnerables ás enfermidades e aos insectos. Nós tivemos que instalar un sistema de rego por aspersión e comprar unha motobomba para sacar máis auga do pozo. En agosto houbo que regar ata tres veces por día algúns cultivos de horta, cando o normal é regar un pouquiño ao caer a noite ou a primeira hora da mañá. Todos estes gastos extras que houbo que facer, claro está, supoñen un prexuízo económico importante.

-¿Pensa que a situación deste ano foi excepcional ou que obedece a unha tendencia de alcance máis longo?

-Aparte dos problemas que tivemos esta temporada, nos últimos anos estou notando que o ritmo das estacións cambia cada vez máis e que as plantacións xa non se poden facer nas épocas tradicionais. Todo o refraneiro relativo ao tempo, aos estacións e aos diferentes tipos de cultivos xa non serve para nada, porque a situación agora é totalmente distinta. A miña impresión é que isto irá acentuándose de ano en ano.

-¿Que cre que se pode facer?

-Supoño que haberá que ir experimentando e adaptándose a estas condicións, plantar en épocas máis temperás ou máis tardías e probar novos cultivos.