Ardeu Lugo

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

19 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coches de bombeiros permaneceron durante o Arde Lucus na praza que en tempos se dedicou aos Irmáns Pedrosa mentres os da policía local pretendían ser elementos de loita contra terroristas só porque non permitían que os vehículos accedesen á rúa do Bispo Aguirre. Pero ningún elemento que as administracións imaxinen pode co voraz incendio que este triduo festeiro invadiu a capital lucense facéndonos arder de entusiasmo, esquecer realidades incómodas, e por tres días sentirnos orgullosos dun pasado lonxano que entronca coa poderosa cidade que en tempos dominou o mundo.

A historia dotou a Lugo do marco perfecto para unha celebración que glorifica a vencedores e vencidos naquela loita a morte entre os galaicos e os que invadiron Suevia cun poderoso exército chegado para conquistar e quedarse.

Lugo tivo estes días Césares e tribunos, gladiadores e matronas, pretorianos e sacerdotisas, romanos e castrexos… rotundo triunfo dunha colonización, dous mil anos despois, celebrado polos descendentes dos que primeiro combateron e logo procrearon, convencidos como estamos de que a historia vai conformando os pobos e as xentes, reconciliando e fusionando aos que quedaron con vida despois da conquista.

A festa que vimos de celebrar está declarada de interese turístico galego e nacional, e agardemos que tamén o sexa internacional porque a romanidade foi cando menos europea, e unha festa coma esta ten que ser coñecida urbi et orbe, para que toda Europa poida recoñecerse na cidade que durante tres días cada ano arde mirando ao pasado con intencións, xeitos e vontade actual e de futuro.