«Todo o mundo ten o seu poema»

maría m. guntín / s. v. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

CESAR QUIAN

O poeta lucense Xulio Valcárcel reflexiona sobre a poesía e reivindica o poder do galego para homenaxear a terra

17 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun gran número de premios detrás, Xulio L. Valcárcel (Lugo, 1953) é un escritor que exerce como procurador e escribe poesía, narrativa e ensaios. Está moi vinculado ao Courel e a súa obra está recollida en varias antoloxías

-Oscila entre o dereito e a poesía. Non hai un abismo entre as dúas disciplinas?

-O dereito e a poesía son diferentes e, ao mesmo tempo, compleméntanse. O mundo xurídico achega un coñecemento directo da vida das persoas e das súas dimensións, o que me permite reflexionar sobre moitas cousas e mesmo serve de inspiración e base para a creación literaria. Hai antecedentes como Manuel María e Salvador García-Bodaño, que foron procuradores tamén.

-Incluso se pode entrever que as dúas disciplinas se complementan.

-Pois si, e non son contraditorias. O mundo do dereito permitiume ter a liberdade de poder escribir o que quero. Se non fose así, tería que escribir para o público en función da demanda que hai. Así podo facelo para falar dos meus sentimentos e das miñas inquietudes.

-Chega cunha lectura superficial para aproximármonos á poesía?

-Abonda ata con escoitar, e chega con ler. Nun recital no que alguén fai unha boa interpretación a poesía gusta. Pero hai diferentes graos que dependen da interiorización que faga o receptor. Todo depende da súa sensibilidade e da intelixencia porque hai que ter delicadeza.

-A poesía xuvenil encabeza a lista de vendas das librarías, que opina da súa calidade literaria?

-Sigo con interese todo o que se fai e é necesaria unha cultura viva con novos proxectos. Podo estar ou non de acordo pero vexo con simpatía estas novas iniciativas. A poesía nunca foi un referente maioritario, houbo unha literatura oral e un fenómeno musical porque a poesía naceu para ser cantada. A miña impresión é que agora se expresan de diferentes formas. Todo o mundo ten o seu poema, o caso é dar con el.

-Cales son as súas referencias literarias?

-Ao longo do tempo condicionáronme varios autores e autoras. Por excelencia, a primeira é Rosalía de Castro. Tamén Uxío Novoneyra, Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, en galego. En castelá, Bécquer e Juan Ramón Jiménez, os cales seguín con moito interese e perseveranza.

-O proceso de inspiración de cada escritor é unha faceta das máis apaixonantes e misteriosas.

-Hai que distinguir entre o proceso de investigación e o de creación. O primeiro lévase a cabo en calquera momento. No segundo eu non podo elixir cando vou escribir un poema. Ten un punto misterioso, notas un son que ten unhas palabras e uns sentimentos que expresas. Eu levo un papel, escribo unha nota e despois míroa. Para valer, ten que ter unha vibración diferente. A escritura sempre vén dada pola necesidade de expresar algo, que normalmente sae da propia experiencia

-A súa lingua sobre o papel é o galego.

-Nunha cultura que considero está subordinada é necesario escribir no idioma propio. Teño un compromiso coa miña terra e trato de enriquecela. Escribo en galego por coherencia e por ideoloxía. Gústame destacar que eu son lucense a todos os graos.

-Sobre que está escribindo agora mesmo?

-Levo dez anos traballando na figura histórica de Xesús de Nazaret, o predicador do século I. Este ano publico a segunda entrega, que analiza unha chea de aspectos e paradigmas. Para chegar ata aquí estiven en Terra Santa catro veces e lin centos de libros, aínda que a maioría non achegaban nada. O meu labor creativo non cesa porque vivo para a literatura.

«A escritura sempre vén dada pola necesidade de expresar algo que sae da experiencia»