As fontes con máis historia de Lugo

adolfo de abel vilela LUGO

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

As falcatruadas na de San Vicente avivan o debate sobre como conservar estas infraestruturas

22 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O recente incidente na fonte de San Vicente da praza do Campo de Lugo, na que dous homes se empolicaron ata bailar agarrados á figura do santo, pon de actualidade ás fontes históricas como infraestrutura urbana necesaria durante moito tempo para o abastecemento de Lugo. A cidade, dentro do recinto amurallado, non tivo fontes fornecidas por un manancial propio debido á súa situación orográfica, senón que as dúas públicas que houbo a partir da segunda metade do século XVIII e unha terceira levantada en 1854 fornecíanse da chamada Fonte do Castiñeiro, unha captación de auga de época romana que se levaba ata a cidade a través dun acueduto que foi reconstruído entre 1753 e 1754 polo bispo frei Francisco Izquierdo, una obra que «ha tantos siglos careció de ella», segundo lle di o Concello o 16 de novembro de 1755 para que non se malograse a obra e velase pola súa conservación.

O subministro era mediante pozos públicos e privados, posiblemente utilizados antes de que existise o acueduto e despois como un elemento de reserva nos momentos de escaseza. Na documentación baixomedieval é frecuente a cita destes pozos privados baixo a denominación latina corrompida de puteum, en lugar de putei. Entre os de uso público temos o do Carballal na zona de San Fernando, e o das Cortiñas de San Román, actual praza Maior, lugares onde se celebrou a feira mensual ao longo da Baixa Idade Media, o da praza do Pozo da Pinguela e o de Porta Miñá, transformado en fonte en 1582. Destes dous pozos collía auga a veciñanza que vivía na praza do Campo, rúa da Porta Miñá, barrio Falcón, Tinería e outras do Burgo Vello. En época moderna constatamos o pozo de San Francisco, na praza da Soidade, do que se fornecerían algúns veciños do tramo da rúa Nova próximo ao convento.

As fontes fóra da cidade

Fóra do recinto amurallado había varias fontes. Na documentación do século XVI temos referencia de tres no barrio de San Roque, a de San Pedro coa súa pía para os gandos, a Fonte Nova, detrás da capela de San Roque, e a dos Ollos, preto da porta da muralla no carril das Flores.

Nas inmediacións da capela da Virxe do Camiño ou do Carme estaba a chamada Fonte de San Froilán, hoxe tapiada, a da Magdalena de Recatelo, que estaría na entrada do Hospital de San Xosé, e a de Paradai preto de Porta Falsa.

A única fonte importante que houbo no interior da cidade de Lugo ata a segunda metade do século XVIII, que se abastecía de manancial propio, foi a da Porta Miñá, alimentada por auga de tres pozos situados na zona.

Fonte dos leóns

Coa reconstrución do acueduto romano a partir de 1754, a cidade de Lugo disporá doutras dúas fontes públicas, a da Fe na praza Maior, substituída pola da España ou dos Leóns, e a de San Vicente na praza do Campo, a única que se conserva desta obra.