Lucus Augusti: premio a 175 anos de historia


Oinstituto Lucus Augusti, o máis antigo de Galicia, un centro emblemático na capital lucense no que tantos e tantas nos formamos, acaba de ser galardoado cun premio de recoñecemento de boas prácticas educativas.

A miña chegada a tan insigne lugar, no final dos anos oitenta, coincidiu cunha nova etapa na que deixara de ser o «masculino» e pasou a adoptar a súa denominación actual, Lucus Augusti, da man do que foi director e profesor de latín, Amable Veiga; sen dúbida, unha denominación pioneira para darlle visibilidade á raíz romana da cidade, que logo foi amplamente imitada noutros ámbitos.

Anos máis tarde, no meu primeiro contacto coa docencia, traballei tamén alí e, cando hai 25 anos se editou un libro conmemorativo do seu 150 aniversario, tamén fun convidada a participar nos actos por Camilo Torres, outro profesor inesquecible, como Carmen Beltrán e tantos outros bos profesores.

Teño, pois, unha conexión íntima co instituto Lucus Augusti, onde vivín anos decisivos da miña formación nesa etapa intensa de tránsito e aprendizaxe propia da adolescencia.

Así que a ledicia que me produce a nova deste premio faime pensar hoxe na miña traxectoria persoal e, de camiño, no problema da educación. A educación universal foi un dos soños do pensamento ilustrado, unha aspiración ambiciosa da humanidade; mais algo se torceu neste admirable proxecto.

Para moitas persoas, aquel soño tornouse en pesadelo e o ensino vívese instrumentalizado, simplemente como un tempo sacrificado a cambio dun futuro e dun éxito esencialmente materiais.

Ao meu ver, o grande reto do sistema educativo actual é o de recuperarmos a alegría e a paixón por aprender, a ilusión que emana da curiosidade natural das persoas, para que cando os nenos e nenas, os homes e mulleres do futuro, miren cara atrás, o fagan con nostalxia da súa época educativa, como me ocorre agora a min ao lembrarme do instituto Lucus Augusti, e non con alivio por una etapa difícil xa pasada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Lucus Augusti: premio a 175 anos de historia