Lugo para propios e extranos

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Profesionais da cidade ofrecen os sábados visitas guiadas polo casco histórico para turistas e lucenses

21 feb 2019 . Actualizado a las 08:40 h.

Son as doce e media dun sábado de inverno en Lugo. As rúas do casco histórico comezan a espreguizarse. Nos soportais da Praza do Campo mestúranse veciños e turistas. Os primeiros fan recados ou pasean, os segundos mercan agasallos, repásano todo coa mirada ou prepáranse para unha inmersión de hora e media na historia da cidade. Lidia de la Fuente, cun sorriso de orella a orella e a tarxeta que a identifica como guía oficial pendurada do pescozo, achégase ata o corazón da praza. O punto no que comeza unha viaxe polas rúas e polo tempo que percorre dende a fundación da cidade ata a baixa idade media.

Foi hai máis dunha década cando se puxeron en marcha as visitas guiadas polo casco histórico lucense. Cando chegaba o mes de xuño Mónica Díaz, Esther Acitores, Ana María Quintas e a propia Lidia, todas guías oficiais en Lugo, iniciaban un encontro diario cos turistas que non se detiña ata que pasaba o San Froilán. Pero decatáronse de que no longo inverno os viaxeiros non hibernaban, así que o pasado outubro apostaron por ofrecer esas rutas guiadas os sábados pola mañá ao módico prezo de oito euros.

«Están pensadas para xente que chega á cidade sen reserva previa nin plan determinado, para que teñan unha alternativa para coñecer Lugo, a súa historia e a súa cultura», esmiúza Lidia.

Un campamento romano sobre un asentamento castrexo, a deidade Lugh, a luz, Augusto, o emperador ao mando... Con eses protagonitas comeza o relato de Lidia sobre a fundación de Lucus Augusti. Unha historia de 2.000 anos que avanza ao tempo que o fan os pasos da guía e os seus oíntes pola Rúa Nova de camiño ao Museo Provincial. Entre as paredes do que un día foi convento de San Francisco agóchase unha vella e grandiosa lareira, aras, magníficos mosaicos cheos de misterio. É sinxelo deixarse levar pola vista e pola historia que a acompaña na voz da guía.

Avanzan os pasos e tamén as anécdotas. Lidia fai un guiño ao século XX ao lembrarse da lucense Araceli González Carballo, espía e muller de espía durante a Segunda Guerra Mundial. Pero é só unha paréntese. A viaxe no tempo retrotráese á vida no foro romano, que chegaba ata a que hoxe é a Praza Maior. A praza de Santa María, coa súa piscina romana, a catedral coa súa virxe dos Ollos Grandes, os retablos. Nada escapa do relato de Lidia, que ten como última parada o prato forte, a muralla. «É, xunto coa catedral de Santa María, o que máis chama a atención aos visitantes», explica. Non é para menos.

Cos pes sobre o adarve a guía detalla o nacemento da muralla cando o imperio comezaba a desfacerse, a súa funcionalidade, a súa importancia. Engancha aos que a visitan por primeira vez e aos que a pasean de cotío. Porque lonxe do que puidera pensarse, entre a clientela das guías hai moito lucense. «A maior parte da xente de Lugo coñece o básico, pero buscan coñecer máis a fondo a historia, os edificios, o que pasou aquí. Non só para eles, senón para cando veñen a visitalos poder presumir de cidade». Iso é xusto o que fan Lidia e as súas compañeiras. Presumen de Lugo a través dun traballo que exercen con paixón. Unha profesión que hoxe celebra o seu Día internacional.