«O mundo da empresa é darwiniano, e no noso caso o esforzo por adaptarnos é permanente»

l.g.c. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

A empresa continúa sendo familiar ao cento por cento

21 feb 2019 . Actualizado a las 20:48 h.

Foi no ano 1894 cando Torres e Sáez viu a luz, aínda que daquelas con outro nome. A empresa foi evolucionando, e como lembra Enrique Sáez Ponte, presidente do consello de administración, adaptándose. «Meu avó empezou traballando con 14 anos na empresa e acabou quedándose con ela», exemplifica.

 -Torres e Sáez segue a ser unha empresa familiar?

-Si, segue séndoo ao 100 %, o que pasa é que somos xa moitos accionistas e dende hai dous anos non temos empregados da familia. Esta é unha empresa puramente profesional, a familia está no consello de administración.

-Por que poñer en marcha unha nova sede en Lugo?

-Onde estabamos era xa un almacén velliño e demasiado estreito. A nosa actividade de venta principal é produto siderúrxico e somos recoñecidos na ferretería industrial e no subministro profesional, pero sobre todo o maior volume de venda son ferros, aceiros especiais, tuberías. E isto é unha loxística complicada que esixe adaptarse á situación actual. Agora temos un almacén con dobre ponte grúa, dobre entrada e saída, e pódese manexar mellor a mercancía. Un pode mercar por Amazon moitas cousas, pero mercar vigas é complicado. Para nós isto é unha solución loxística importante para atender esta, que colle a provincia de Lugo e parte da provincia de Pontevedra. Dende aquí imos facelo mellor, teremos máis capacidade de dar servizo á xente e máis gama de produto.

-Que retos de futuro manexan?

-Mellorar e adaptarnos. O mundo cambia. Por exemplo, no caso do ferro, a proximidade é clave, xa que movelo custa moito e a loxística condiciona. Nós adaptámonos ás tendencias loxísticas e capacidades do mercado. O mundo da empresa é darwiniano, sobrevive o que mellor se adapta, e no noso caso o esforzo por adaptarnos é permanente. A loxística cambiou e nós cambiamos.