Un debate con Lugo como epicentro

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

PSOE, PP, BNG, Ciudadanos, En Marea e Unidas Podemos cruzaron os seus programas para a provincia nun encontro en Radiovoz

18 abr 2019 . Actualizado a las 19:04 h.

Radio Voz congregou onte aos seis partidos con maior peso en Lugo para debater sobre as súas propostas para a provincia e a cidade. Partido Popular (José Manuel Barreiro), PSOE (Ana Prieto), Unidas Podemos (Vanessa Somoza), En Marea (Cristina Pérez), Ciudadanos (José Manuel Blanco) e BNG (Cosme Pombo), falaron de economía, de emprego, infraestruturas e políticas sociais nun debate moderado pola xornalista Antía Díaz.

As posturas de PSOE e PP amosáronse permanentemente confrontadas en todos os puntos, comezando polas infraestruturas, con Barreiro reivindicando o consignado nos últimos orzamentos de Rajoy e cargando contra as políticas económicas socialistas, e con Prieto lembrándolle que estiveron no goberno durante sete anos sen cumprir cuestións que agora reclaman.

José Manuel Barreiro insistiu en que os orzamentos elaborados polo goberno de Rajoy en 2018 eran moito máis beneficiosos para a provincia. «O que nos presentou o PSOE é un recorte de case un 40 % respecto ao que figuraba nos orzamentos», dixo.

A resposta chegou da man de Ana Prieto, que lembrou que onte se licitou a redacción da estación intermodal de Lugo e o aparcamento por 1,1 millóns e que o PSOE dispuxera 30 millóns para melloras de estradas e outros 19 nos venres sociais. «Tras sete anos de goberno alégrome que nestes dez meses esperataran dos seus sillóns do Senado e comezaran a facer preguntas», díxolle a Barreiro.

A estación intermodal de Lugo foi un dos temas que maior debate xerou. Cristina Pérez deixou claro que non están en contra da estación, se ben subliñou que «verémoslle sentido cando haxa trens». Reclamou a modernización de toda a liña e potenciar as de proximidade. Vanessa Somoza subliñou que «nós cremos firmemente que é moi importante que ADIF e Fomento cumpran e traian a intermodal porque cremos nese modelo que articule Galicia co estado e con Europa». Apostan pola electrificación da rede de trens e por mellorar frecuencias e alta velocidade con seguridade.

Cosme Pombo incidiu en que «a intermodal é moi importante, adiante con ela, pero máis importante é o tren de proximidade que nos comunica con Monforte e con Coruña», ou rematar autovías a Santiago e Ourense.

José Manuel Blanco, pola súa banda, centrouse en lembrar que Lugo é «unha provincia deficitaria en infraestruturas, en autovías e en tren» e reclamou que se fagan con sentido. «O Fiouco é un exemplo de como se fai mal, dependemos do tempo para saber canto nos leva chegar á Mariña», e apuntou sobre a intermodal que primeiro hai que saber cando chegarán os trens.

En Marea, Unidas Podemos, Ciudadanos e BNG tamén introduciron no debate a necesidade de potenciar o porto seco de Monforte con conexións axeitadas. O BNG reclamou esixir máis competencias ao estado, poñendo como exemplo ao País Vasco.

Políticas sociais

A necesidade de potenciar políticas de emprego, de reducir o paro xuvenil, de frear o despoboamento do rural, de garantir as pensións e de cumprir coas políticas sociais foron cuestións que abordaron os políticos. Tamén fixeron fincapé nas políticas necesarias contra a violencia de xénero.

Alcoa, fonte de enfrontamento entre os representantes políticos

Alcoa copou parte do debate de Radio Voz. Prieto subliñou que «San Cibrao non corre ningún risco, hai negociacións que van polo bo camiño», polo que Barreiro a retou a que «vaia alí e lle traslade iso aos traballadores. Vostedes acaban de pechar dúas fábricas de Alcoa».

Unidas Podemos reclamou unha nova tarifa electrointensiva que elimine as puxas; En Marea lembrou que presentara alegacións ao proxecto de estatuto e reclamou cambiar toda a lei, mentres o BNG lembrou o potencial xerador de enerxía eléctrica que ten Galicia e propuxo recuperar as concesións dos grandes encoros concedidas no franquismo e unha tarifa eléctrica galega. Ciudadanos pediu que se adopten as medidas técnicas e regulamentarias necesarias.