Vicealcaldes

XULIO XIZ

LUGO CIUDAD

25 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Comprendo que a unha alcaldesa lle resulte estraño o termo vicealcalde e argumente que iso non existe na Administración local. Pero entendo tamén que o dono da chave dese goberno queira deixar constancia do seu papel no Concello. Nos tempos en que Orozco era alcalde e Branca Rodríguez Pazos vicealcaldesa, Branca podía non ter ese rango pero si o papel, do que deixaba constancia en todo momento, xa que non había acto no que falara o alcalde no que non quedase constancia da evidente bicefalia. Teño a experiencia dun acto que eu presentaba en Viveiro e subiu ao palco o alcalde Melchor Roel para representar ao Concello na entrega de agasallos, queixándose logo o voceiro do BNG de non subir el tamén, xa que compartían poder municipal, téndose que deixar constancia de que unha institución non pode ter máis dun representante, sexa cal fose a situación político-administrativa.

Non creo que xogue a iso o vicealcalde in péctore de Lugo, que cando haxa que facer representación oficial do Concello haberá unha soa alcaldesa, que aínda que delegue manterá o seu status. Pero, denominacións á parte, e supoño que non será esta carencia a única que presente a lexislación sobre os concellos, ninguén lle pode negar a Rubén Arroxo a súa condición de «segundo de a bordo» no Concello de Lugo, chámeselle vicealcalde, man dereita da alcaldía ou coronel con mando en praza. Que iso ten que doer, seguro. Pero se o protestante Henrique IV considerou que París ben valía unha misa, e para reinar converteuse ao catolicismo, se para ser alcaldesa Lara ten que tolerar un vicealcalde (de palabra) hai que roelo.