Noelia García, barbeira en Becerreá: «Antes, as barberías levábanas os homes»

María Guntín
maría guntín BECERREÁ / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Esta muller de Cervantes é unha firme defensora das zonas rurais e das vilas

18 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Noelia García Porto ten 31 anos e naceu en Cervantes. É unha firme defensora dos pobos e das zonas rurais e non parou ata que conseguiu vivir en Becerreá. Hai tres anos, decidiu montar unha perruquería de homes que tamén é barbería. Ela é unha das poucas mulleres da zona á fronte dun oficio que tradicionalmente estaba relegado só aos homes. Agora está contenta co resultado da súa gran aposta. Ademais, gústalle o que fai e tamén a vida que leva en Becerreá.

-Por que decidiu montar unha perruquería en Becerreá?

-Estiven traballando en Lugo, pero a min nunca me gustaron as cidades grandes. Entón, deime conta de que se xubilaba un barbeiro en Becerreá e que arrendaba o local no que tiña montada a barbería. Todo comezou así. Ao principio collino con medo porque sabía que as barberías acostuman estar dirixidas por homes. Pero agora estou moi contenta.

-É unha firme defensora do rural.

-A min o rural sempre me gustou. Hai tres anos, presentóuseme a oportunidade de estar máis preto da casa e vivir en Becerreá, e non dubidei en aproveitala.

-Canto tempo levas traballando como perruqueira?

-Traballo nesto dende que tiña 18 anos. Estudei perruquería, e antes de montar a barbería fixen cursos nos que aprendín, por exemplo, como afeitar con navalla.

-Todo é práctica, non?

-Teño que dicir que todos me acolleron moi ben en Becerreá. Ademais, déixanme probar. Moitas veces chegan e dinme que lles faga o corte que queira. Así aprende calquera.

-Ten clientes de todas as idades?

-A verdade é que si. Algúns dos clientes que teño son os mesmos que tiña o antigo barbeiro. Tamén chegou xente nova e de curta idade. No verán, por exemplo, hai xente que vén de vacacións e que acostumo a ter como clientes todos os anos. O resto téñoos de todas as idades. Aínda así, os días que máis homes veñen son os de feira, o tres e 19 de cada mes.

-Cre que fai falla máis xente nova nestas vilas?

-A min gústame o campo e creo que teñen que crear máis oportunidades para a xente nova que quere traballar e vivir no rural. Aquí hai pouca xente, pero o problema é que cada vez queda menos e débese traballar nisto, porque se non, algún día, xa non quedará ningunha. Emprender é moi complicado, e máis se tes poucos anos.

-Como é o seu día a día?

-Nas vilas traballas máis a gusto. Eu teño clientes que veñen das Nogais, Pedrafita, Baralla, Cervantes... Con saír á porta xa tes con quen falar e iso agradécese. Non podes facer dous recados sen que alguén se preocupe por ti ou che pregunte como estás e que tal vai o teu día. Traballo con tranquilidade: se saio tomar un café, os clientes esperan cinco minutos. Todo é moito máis cercano. O día a día pasa falando ca xente, e iso agradécese moito.

-Que é o que máis demandan os clientes?

-Eu fago cortes de pelo e tamén afeito con navalla. Isto último demándano máis ben os señores maiores. Agora mesmo lévanse moito os retoques na barba, facendo a forma e deixándoa ben cortada.

-Cantos clientes chega a atender nun día?

-Depende moito da época do ano e do día. Algún podo ter dez ou doce clientes, outros son máis frouxos. Non podería dar unha cifra exacta.