Emilio Rodríguez Pérez: «Escribir foi a miña gasolina cando a miña muller morreu de cancro»

LUGO CIUDAD

O autor lucense acaba de publicar a súa terceira novela, «María», unha autobiografía chea de nostalxia e moito amor

19 nov 2019 . Actualizado a las 10:43 h.

Emilio Rodríguez Pérez (Lugo, 1955) acaba de publicar a súa terceira novela, María, unha autobiografía chea de melancolía, ledicia, tristura, historias de enfermidade, morte, inxustiza, malos tratos infantís pero, sobre todo, moito amor. «Comecei escribindo unhas liñas nunha servilleta e saíron seiscentas e pico páxinas», explica o autor.

-Que vai atopar o lector nesta obra?

-É un espido integral, a miña obra máis íntima, que xurdiu tras un proceso de tres anos de recordar vivencias e ordenalas. Aínda que é unha autobiografía, ten moito de actualidade, pois toca, entre outros temas, o do cancro, a enfermidade de moda, presente dun ou doutro xeito en case todas as casas, polo que o lector se sentirá identificado. Aínda que hai anécdotas simpáticas e alegres, a tristeza inúndao todo, xa que o libro empeza e remata coa enfermidade, é unha obra moi lacrimóxena, pero a calidade dun libro non se mide en se é amargo ou alegre.

-Por que decidiu escribir unha autobiografía?

-Por unha promesa feita á miña muller despois de falecer, como unha homenaxe a ela, e tamén como terapia para min. A miña muller, María, faleceu no 2016, despois de oito anos de enfermidade. No 2015 tamén morreu miña nai. Escribir foi unha terapia moi boa, veume ben para saír a flote, foi a miña gasolina cando a miña muller morreu de cancro.

-Funcionou a terapia?

-Mentres durou o carburante, funcionoume, quedei moi a gusto e foron tres anos de evasión escribindo, sobre a miña vida, xunto a quen quixen.

-Cando e como comezou a súa afección pola escritura?

-Hai unha data que teño cravada na memoria: a morte do meu pai. Eu tiña entón oito anos, pero a súa imaxe acompañoume sempre, nunca me conseguín librar por completo da imaxe dolorosa cos pormenores da súa morte. Moitos anos despois, no 96, nun acto espontáneo, comecei a escribir uns versos e así saíu Carta a mi padre muerto. Pero tras ese arrebato, dous anos despois morreu miña tía Sara, á que estaba moi unido, e escribinlle outra elexía, Triste melodía. No 2001 escribín un relato curto deportivo, Ciento Treinta, que resultou gañador de toda España no Certamen Literario de Relato Corto Deportivo de Radio Nacional de España. No 2002 comecei coa prosa, Diario de Darío, unha novela de corte psicolóxico, policíaca, e no 2008 publiquei La escombrera, unha alegoría dun asilo, sobre a decadencia da vida.

-Non encontra dificultades á hora de crear un poema ou elaborar unha novela tan longa?

-Eu son un escritor afeccionado, pero para min escribir non é un proxecto, é unha sensación interior e espiritual, algo espontáneo, ao que logo lle hai que dar forma e musicalidade. Para min, a poesía é máis espontánea e a prosa é unha cadea de sensacións, pero máis pausada.

-Onde se pode adquirir o seu libro?

-María foi publicado mediante o procedemento de autoedición, así que non está en librarías, senón que se pode adquirir en Internet. Pódese acceder a él en Google, buscando «María. Emilio Rodríguez Pérez», pero tamén está en Facebook, e en Difundia Ediciones.

«Aínda que é unha autobiografía, ten moito de actualidade, pois toca temas coma o cancro, presente dun ou doutro xeito en moitas casas»