Don Ricardo de Fingoi

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

23 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Por fin Carballo Calero terá o seu Día das Letras, co especial entusiasmo dos que foron seus alumnos en Lugo e Santiago.

Chegou a capital galega nos anos sesenta e xa consagrado como un grande da lingua. Quedaba moi lonxe o Lugo de 1936, que deixou para intentar en Madrid acceder ao ensino oficial, tardando cinco anos en coñecer a súa filla maior: tres, combatendo no exército republicano; dous polo cárcere sufrido por militar no bando perdedor. Houbo que agardar a 1950 para que viñera a Lugo traído por Antonio Fernández para crear un colexio especial para os rapaces da súa familia e dos lucenses que desexasen unha educación axeitada á realidade do país.

E Carballo pasou quince anos en Lugo, dirixindo Fingoi, ensinando, investigando e escribindo, medrando na consideración das xentes, acreditando que a súa etapa lucense, que parecía de retiro e silencio, era de estudo e preparación, na que veu o seu doutoramento, a Real Academia ou a Historia da Literatura… desde Fingoi para o mundo, acreditándose entre os lucenses e creando escola de escritores.

En Fingoi ven de recibir a primeira homenaxe. «Don Ricardo de Fingoi» comeza a disfrutar da gloria reservada aos poucos que entran triunfais na historia. E o comezo tiña que ser no Lugo que o acolleu en momentos difíciles, o abeirou e o fixo medrar, e onde os de Fingoi gardan memoria clara de quen puxo en marcha, vai facer setenta anos, un colexio diferente, modelo educativo de servizo a un pais e a unha idea: a que «o fillo de Antón de Marcos» dispuxo, e que Carballo Calero puxo en práctica.