Meiga-i, a drag pandereteira que calza zocas e traxes tradicionais

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Detras de Meiga-i está Javi Sánchez, un comunicador en proceso de especializarse en xestión cultural
Detras de Meiga-i está Javi Sánchez, un comunicador en proceso de especializarse en xestión cultural CEDIDA

A drag actúa hoxe en Lugo na galería Solaina tras uns meses de parón pola pandemia

16 ene 2021 . Actualizado a las 09:38 h.

Esta é a historia de Meiga-i, unha pandereteira que está moi triste, quere cambiar Galicia e non atopa acougo. Así que comeza unha viaxe de cambio a través da música, pero feita por xente de fóra. Para axudala, aparece outra meiga que invoca ás enerxías dos espíritos ancestrais galegos. A súa memoria invade o corpo de Meiga-i e comeza a tocar música galega con alegría. Así é a obra creada por Javier Sánchez que narra a súa personaxe: a drag pandereteira. O drama, a diversión e a estética son o segundo plano do seu proxecto. O máis importante é o seu «manifesto»: expresar a nosa tradición a través dunha linguaxe moderna, neste caso o drag. Hoxe, a galería Solaina, na rúa San Roque de Lugo, acolle unha performance coral na que tamén participa Meiga-i.

Javi Sánchez naceu en Vigo e agora estuda no Campus Terra de Lugo o Máster en Servicios Culturais, co fin de especializarse e nutrir aos seus proxectos da teoría da xestión cultural. Javi estudou Publicidade e Relacións Públicas, traballou un tempo no ámbito da comunicación, pero converteuse nunha paixón máis teórica que a que adicarse. Mentres tanto, durante a carreira, comezou a «trastear» coa disciplina transformista ou drag. «Daquela facíao para pasalo ben, sen ningunha linguaxe artística», conta. Pero no 2019, o vigués viu un nicho nun dos seus mundos predilectos: o folclore. Aí apareceu Meiga-i, unha personaxe xurdida da mestura dunha disciplina contemporánea co folclore. «Primeiro comezou como unha idea vaga para un concurso ao que me presentei cun traxe feito con sete panos, moi cutre, pero despois comecei a perfilar a miña linguaxe artística», explica Javi. O significado da personaxe está cargado de simboloxía, «porque é o que nos fai pobo». Meiga-i vai vestida con saias e panos típicos das galegas do rural e calza unhas madreñas de madeira, que agora xa pasaron a ser uns zocos. O seu nome fai referencia a esa figura feminina misteriosa da tradición galega que son as meigas. «A miña máxima referente é Mercedes Peón, que personifica esa personalidade que á vez vai axudarche a resolver os teus problemas, a través da súa música». E a «-i» do nome, fai referencia á tecnoloxía e á necesaria actualización da tradición. «Estou seguro de que se houbese meigas agora, serían hackers», bromea. A súa «pegatina» é «denantes morta que cosmopaleta», unha frase collida de Castelao para dirixirse aos que pensan que o de fora sempre é o mellor.

A visión cultural de Javi ten unha clara intención transformadora coa que a tradición galega poida ser obxecto dos medios de expresión de hoxe, sen ter que recorrer só aos referentes foráneos e predominantes. «A min encantaríame que aquí se puidera facer unha feira do traxe como pasa co flamenco en Andalucía sen vincularse cunha visión antiga ou incluso infravalorada». Concretamente na disciplina do drag, Javi conta que hai moita xente cultivando este campo en Galicia, aínda que sexan pequenos. «O drag máis visibilizado é o dun produto televisivo americano, que nada ten que ver cun espectáculo en directo; mira o carnaval das Palmas de Gran Canaria, ten unha longa tradición e non tivo esa masificación».

En busca da especialización

Coa pandemia, o proxecto de Meiga-i quedou paralizado e Javi decidiu centrarse no académico. Co máster cultural que está a estudar en Lugo busca unha especialización que o prepare para xestionar un proxecto cultural na súa totalidade. Aínda que afirma que a denominación que máis lle gusta é a de «creador». Ademais, ten un podcast sobre cultura e diversidade, «Tira coa cunca», e vai a clases de percusión. «Ao mellor paso de pandereteira a instrumentalista», bromea.

Exposición

«El residuo de Vaginal Davis» Meiga-i participará hoxe na inauguración da nova exposición da galería Solaina, que terá lugar ás 17.00 horas. Pechará, ás 20.00 horas, ca permorfance drag do grupo Apocalíptica, ao que pertence Javi. Esta mostra estará exposta ata o 4 de marzo, para os espectáculos é necesario reservar sitio para cumprir as medidas contra a covid.