O pito pastoril loita polo seu espazo

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Miguel Mosquera, artesán
Miguel Mosquera, artesán L.G.C.

O luthier lucense reivindica as bondades do instrumento, ao que poucos prestaron atención durante décadas

19 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabe vostede o que é o pito pastoril? Se a resposta é non, non se preocupe, o luthier e artesán Xosé Miguel Mosquera ten a resposta. «É a maneira que tomou de existir en Galicia a frauta de pico, un instrumento practicamente universal. Dende antigamente, que facían picos de cana ou de codia das árbores, ata logo empezar a facerse en madeira», describe.

Mosquera é un especialista en pito pastoril. Conta que non está claro como comezaron a aparecer, pero si se sabe que alá cara finais do século XIX empezaron a abundar os pitos en madeira parecéndose máis ás frautas de seis buracos, que son as máis antigas, que ás actuais. «Logo houbo unha serie de artesáns, como Basilio Carril e O Carragoto, que foron engadíndolles furacos, ampliando a tesitura».

Agora, en pleno século XXI, hai varios luthieres en Galicia que fan pitos pastorís. Cando Mosqueira comezou, o artesán Antón Corral establecera unha única tonalidade, conta, «e eu a partir de aí tiven a idea de ampliar tonalidades pensando nos ‘consorts' (pequeno conxunto de cámara formado por instrumentos da mesma familia) das frautas renacentistas e barrocas, e iso é no que máis afondo. Aprendín con Antón Corral a facer o pito pastoril, e logo fun ampliando ata un ‘consort' de catro tonalidades».

A divulgación

Mosquera leva anos tentando que o pito pastoril acade maior recoñecemento e chegue a máis xente, e nesa tarefa contou con axuda. «Coñecín a Efraín Díaz, un músico de Castroverde, e el fixouse no proxecto e comezou a estudar a interpretación do instrumento». A colaboración quedou plasmada en dous discos, un primeiro no que Díaz recolleu non só pezas galegas, senón tamén composicións mesmo de Bach; e un segundo no que o pito pastoril funcionaba como solista acompañado dunha banda. Dalgún xeito, os dous traballos discográficos «viñan a demostrar as posibilidades do instrumento. Queríase que a xente vira que se podía facer con el calquera tipo de música», describe Mosquera.

Porque, tal e como sostén o luthier, o recoñecemento que tivo o pito pastoril non sempre foi o mellor. «Hai 20 anos a xente coñecíao, pero había certo desprezo por el, víase como algo secundario e para nenos, unha imaxe semellante á que moita xente ten da frauta de pico, á que ven como un instrumento secundario porque se toca no colexio, e iso non é certo».

A base de traballo, discos, á redacción do primeiro método sobre o pico pastoril e coa apertura en Lugo da primeira aula especializada no instrumento, foise avanzando. «Parece que empeza a ser coñecido. Aínda hai esperanza de que se acepte o desenvolvemento que se fixo. Hai cen anos era un instrumento moi sinxelo que foi evolucionando moito ata o que estou facendo eu agora», abunda o artesán, que describe a peculiaridade que se buscou: que a «dixitación fora a máis parecida á da gaita posible».