O centenario do Parque Rosalía de Castro

adolfo de abel vilela LUGO

LUGO CIUDAD

El estanque con los patos en el Parque Rosalía
El estanque con los patos en el Parque Rosalía ARCHIVO MUNICIPAL

O Concello de Lugo acordou o 2 de xullo de 1921 crear unha zona de ocio no Garañón, e inicialmente foi Parque Bella Vista

01 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os primeiros xardíns cos que contou a cidade fixéronse a fins do século XIX e no primeiro terzo do XX. Terán un impulso nos primeiros mandatos do alcalde Ángel López Pérez despois da inauguración en 1917 do Campo da Feira, transformando en xardíns a Praza de San Fernando, onde se facía o mercado da leña; o da Mosqueira, onde estaba o mercado do polbo; o de San Roque onde se facía a feira do gando mensual e anual, o de Canalejas, fronte ao cárcere, a onde se trasladara o Mercado do Barro e a Praza Maior onde se celebraban os dous mercados semanais do martes e do venres.

Na Idade Media había carballeiras na zona de San Marcos, Santo Domingo e nas Cortiñas de San Román (Praza Maior). Neste último espazo fíxose a plantación da alameda cara a 1844 no solar do convento das Agostiñas e o primeiro xardín foi o do Campo do Castelo, onde se vendía a olería.

Unha necesidade social

A fins do século XIX o parque queríase facer nas cortiñas que había fronte o cárcere do partido xudicial e o seminario, entre o actual xardín e a rúa do Bispo Aguirre, ao que se lle deu o nome de Parque Moltó, en agradecemento ao capitán xeneral Antonio Moltó e Díaz-Berrio, que trouxo para o cuartel das Mercedes unha batería do Rexemento de Artillería de Montaña, por influencia do exministro e deputado Manuel Becerra Bermúdez. Pero como moitos proxectos desta época quedaron esquecidos ata que os materializou Ángel López Pérez que foi alcalde en catro etapas entre 1909 e 1931.

O mapa e o pombeiro no Parque Rosalía
O mapa e o pombeiro no Parque Rosalía ARCHIVO MUNICIPAL

O parque creouse por acordo do Concello aprobado o día 2 de xullo de 1921 para que os nenos tivesen onde xogar, facer exercicio físico e practicar toda clase de deportes, e os maiores un lugar de descanso, diversión e formación que favorecese o seu desenvolvemento cultural, establecendo bibliotecas circulantes onde o obreiro atopase un sitio para satisfacer o seu tempo libre.

Consideraba o alcalde que a obra, que fora reclamada en varias ocasións pola veciñanza, tamén contribuiría á maior salubridade e hixiene da cidade.

As fincas

O lugar que se escolleu foi o Garañón, na mesma zona do Parque Moltó, pero desprazado cara o Oeste para contemplar as espléndidas vistas do val do Miño. Consta de dúas partes ben diferenciadas topograficamente. A primeira é unha parte chaira, cun lixeiro desnivel que foi corrixido mediante recheo e creación dun muro de contención de terras, que permitiu formar a Balconada do Garañón, conformada polas cortiñas chamadas do Garañón, da Mañeta, de Lugo, da Madalena de Recatelo, das Lousiñas e da Estrada do Cemiterio.

A segunda, as Costas do Parque, chamada Costa Grande do Baño ou Leira da Viña, cun desnivel pronunciado cara a ribeira do Miño, na Baixa Idade Media estivo dedicada a viña e no século XV plantouse de castiñeiros .

Antes de ter nome oficial o público deulle o de Bella Vista, pero o 14 de maio de 1927 acordaron darlle o de Afonso XIII, coincidindo coa celebración das vodas de prata da súa coroación. Proclamada a II República o 14 de abril de 1931, o día 21 a nova Corporación acordou cambiar o nome a varias rúas e ao parque déronlle o de Rosalía de Castro, de maneira que este ano cumpríronse 90 da dedicatoria.

Vista do Parque Rosalía desde unha terraza do Clube Fluvial
Vista do Parque Rosalía desde unha terraza do Clube Fluvial ARCHIVO MUNICIPAL

O proxecto foi redactado polo arquitecto municipal Ramiro Sáinz Martínez, nomeado polo Concello o 23 de decembro de 1920. O primeiro proxecto que lle encargan é o da prolongación da rúa de Montevideo e unha nova porta na muralla, a do Bispo Odoario, o segundo será o do parque que asina o 23 de novembro de 1921.

O emprazamento, a uns 200 metros da Porta de Santiago e da Rúa do Bispo Aguirre, facíase nos agros do Garañón, comprendidos no perímetro formado pola estrada de Santiago ao Oeste, os camiños de Magoi e de Recatelo ao Leste e predios rústicos de propiedade particular ao Sur e ao Norte. O lugar, en cuxas características xa se fixaran os romanos para ser habitado, estaba defendido dos ventos do Norte, reunía superficies planas, onduladas e accidentadas, 85.165 metros cadrados, aproveitables para conseguir unha pintoresca harmonía de gran efecto artístico, creándose un conxunto ecléctico, que utiliza a fórmula agreste e natural do xardín romántico, que imita a paisaxe pintoresca de influencia inglesa con arbustos e árbores, e a regularidade e xeometría do xardín barroco e neoclásico italiano e francés, do que recolle o trazado xeométrico dos macizos destinados a céspede, flores e as avenidas ou paseos.

Estanque de patos do Parque Rosalía
Estanque de patos do Parque Rosalía ARCHIVO MUNICIPAL

Os principais compuñan os catro macizos de paseos secundarios trazados do seguinte modo: un orientado ao Norte, cunha praza circular central onde iría o quiosco da música, outro orientado ao Sur contiguo ao Paseo da Terraza do Garañón cun pequeno estanque para aves acuáticas e peixes, que ademais da súa misión decorativa e de recreo, podía servir para regularizar e distribuír a rega no resto do parque. Había outro que resultaba máis illado e tranquilo destinado para o estudo, onde se tiña proxectado instalar unha biblioteca popular. Unha das prazas, a elíptica, decorábase cunha gran fonte monumental.

Entre os dous tramos de paseo, (Rodríguez Mourelo e García Portela) formábase unha gran praza, á que se deu o nome de Praza de España, actual de Avilés, onde se colocou nun pedestal Art-Déco deseñado por Eloy Maquieira, a estatua que a representa, no seu encontro coa proxectada de 23 metros de anchura (actual Puro Cora), que substituiría os camiños de Recatelo e Magoi.

Os elementos arquitectónicos eran o quiosco da música, a casa para servizo dos xardineiros, o edificio para café e biblioteca, o pombal e mapa, a pérgola, e como elementos de auga, o estanque para aves acuáticas e peixes e a fonte. En decembro de 1925 fíxose cargo das obras o arquitecto municipal Ricardo García Puig que viña desempeñando o posto interinamente do que tomou posesión o 1 de decembro, pero foi pouco dilixente no traballo municipal, abríronlle expediente, solicitou a excedencia e concedéronlla o 28 de novembro de 1925.

Fonte que houbo no Parque Rosalía
Fonte que houbo no Parque Rosalía ARCHIVO MUNICIPAL

O proxecto de xardinería fíxoo o perito agrónomo Juan Cruz de Eguileor, xefe de Agricultura, Gandería e Montes da Deputación Foral de Bizkaia, cabaleiro da real e distinguida Orde de Carlos III e membro da Sociedade Nacional de Horticultura de Francia que tiña viveiros en Abadiano.

O remate con Eloy Maquieira

Ausente Ángel López Pérez da alcaldía desde o 10 de outubro de 1923, foi reposto despois dunha manifestación popular o 1 de xullo de 1927, relanzando as obras. En febreiro fora convocada a praza de arquitecto que lle foi concedida a Eloy Maquieira Fernández o 28 de marzo, sendo a pérgola a súa aportación. Aprobada a súa construción o 23 de xullo, foi unha das primeiras obras racionalistas de España, estilo introducido polo arquitecto Fernando García Mercadal, cun proxecto de monumento a Goya, o Rincón de Goya (1926-28), en Zaragoza. É a arquitectura do novo material, o cemento, e o estilo dos elementos decorativos do parque son a Arte-Déco.

Nunca foi inaugurado

As obras comezaron o 18 de marzo de 1922 e rematáronse en 1931. Coido que nunca se fixo a inauguración oficial a pesar de que pasaron pola cidade os reis Afonso XIII e María Vitoria (1927), os presidentes do Consello de Ministros, xenerais Miguel Primo de Rivera (1924 e 1928) e Dámaso Berenguer (1929) e o infante Jaime de Borbón (1929). O acto celebrado o 18 de maio de 1927, con motivo da dedicación do parque a Afonso XIII polo XXV aniversario como rei, poderíase ter como o inaugural aínda que en 1931 aínda se fixo o revoco da parede da Balconada do Garañón.