Dezasete artistas de Lugo abrirán os seus obradoiros ao público

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Mónica Alonso apoia o programa Culturban
Mónica Alonso apoia o programa Culturban CEDIDA

Haberá visitas guiadas aos espazos onde traballan así como ao Vello Cárcere e a galerías da cidade

12 dic 2022 . Actualizado a las 21:47 h.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a mostra «Arte de Portas Abertas», organizada pola área de Cultura e o Espazo LUPA Arte dentro da segunda edición do Culturban de Lugo. A concelleira nacionalista explicou que «queremos achegar o traballo artístico das creadoras e creadores lucenses abrindo os seus obradoiros para que toda a veciñanza poida ver as distintas etapas do proceso creativo e coñecer de primeira man o estilo de cada unha das artistas locais que colaboran nesta iniciativa».

A mostra conta coa colaboración de 17 artistas, que abrirán as portas dos seus obradoiros, tres que contarán con espazos no Vello Cárcere e tres galerías que mostrarán as súas coleccións. Ademais, organizaranse visitas guiadas coa guía lucense Queila polos distintos obradoiros.

A área de Cultura facilitará que a veciñanza poida visitar os obradoiros de 17 artistas os días 19, 20, 26 e 27 de novembro entre as 16.00 e as 20.00 horas. Recoméndase concertar as visitas de xeito telefónico con cada un dos obradoiros para facilitar o cumprimento das cabidas de cada instalación.

Relación de artistas

Na mostra participan Telarete (cerámica e poesía), Sergio Marei e Solaina (arte multidisciplinar), Tuli RG (ilustración e pintura), Edu Fernández (pintura), Gema López Estudio de Arte (pintura), Andrés Haensel «Haenselus» (mix media e audiovisual), Leira (arte multidisciplinar), Miguel Anxo Macía (pintura), Iago Eireos (pintura e fotografía), Xoán Vila (escultura), Julio Gesto (pintura), Ceniza de Papel (cerámica), Elena Belgrano EduCoHabitar (arquitectura e mix media), Cris Bamio (pintura e fotografía), T de Tete (deseño textil).

Espazos no Vello Cárcere

Durante os catro días da mostra, seis artistas contarán cun espazo no Vello Cárcere. Serán Juan Pablo Mastroiani (pintura), Jo Jo (pintura), Ana Cabanes Fontao (pintura e escultura), Miguel Fernández (ilustración), Martín Blanes (audiovisual) e Carmen Porteiro (fotografía). Ademais, as salas La Catedral I, La Catedral II e Nova Rúa abrirán tamén as súas portas durante a mostra Arte de Portas Abertas.

Paseos guiados

Durante a mostra a área de Cultura organiza catro paseos coa guía turística Queila. Terán prazas limitadas por orde de inscrición previa no correo vellocarcere@lugo.gal ou no teléfono 982 297 195. Sábado 19 de 17.00 a 20.00 horas (saída desde o Vello Cárcere).

Domingo 20 de 17.00 a 20.00 horas (saída desde o Vello Cárcere). Sábado 26 de 17.00 a 20.00 horas (saída desde a praza do Campo). E domingo 27 de 17.00 a 20.00 horas (saída desde o Cei Nodus).