O BNG reclama accións urxentes do Goberno «ante o abandono das conexións ferroviarias de Lugo»
LUGO CIUDAD

Levarán iniciativas a todas as Administracións para reclamar mellores servizos ferroviarios: «Lugo vai ter que seguir esperando pola alta velocidade»
20 may 2025 . Actualizado a las 17:25 h.O BNG de Lugo anunciou unha batería de propostas nas distintas institucións onde ten representación para reclamar ao Goberno do Estado «un compromiso real coas conexións ferroviarias de Lugo». O responsable local da formación, Antón Bao, aifrmou que este é «un asunto que preocupa aos lucenses e, como non, ao BNG, vemos como o Goberno vén de aprazar de novo a conexión de Lugo co AVE, o que xa parece un desistimento a que Lugo conte con alta velocidade ferroviaria».
Engadiu que desde o BNG «volvemos, e imos seguir, evidentemente, facendo todos os esforzos, traballando con todas as nosas armas no Congreso dos Deputados, no Parlamento galego, en Lugo, con todas as armas políticas que temos para continuar reivindicando que Lugo estea ben conectada por tren».
Bao dixo que o pasado outubro o ministro de Transportes anunciou que Lugo ía estar conectada por AVE en breve: «Agora recibimos a noticia contraria, Lugo vai ter que seguir esperando pola alta velocidade». Antón Bao criticou a postura do Partido Popular «reivindicando algo que eles tiveron na súa man realizar e para o que non moveron un dedo cando gobernaron no estado».
Antón Bao afirmou que os avances dados nos últimos anos foron conseguidos polo único deputado do BNG no Congreso, quen conseguiu o estudo de viabilidade para conectar Lugo con Compostela. «Nnon son todos os pasos que quixeramos pero dase algún paso, pero gañamos un cero ao resto de deputados galegos, e sobre todo lucenses, do Partido Popular e do Partido Socialista».
150 anos do tren en Lugo
Pola súa banda, o voceiro do BNG no Concello, Rubén Arroxo, destacou que nesta semana celébrase o 150 aniversario da chegada do tren a Lugo, no ano 1875. «Nestes 150 anos os cambios tampouco foron moi chamativos, de feito, gran parte da vía ferroviaria que existe a día de hoxe é a mesma que existía no século XIX», afirmou Arroxo, que fixo balance dos avances conseguidos polo BNG en materia ferroviaria desde o ano 2020, co deputado Néstor Rego defendendo o ferrocarril de Lugo.
«O que estamos a ver xusto neste momento, no que se cumpre o 150 aniversario, é que si que hai certas obras nas que se avanza, que dependen, por certo, da modernización Lugo-A Coruña, que está acordada e é moi importante para que poida haber trens a velocidades dignas, pero o que estamos vendo é que non se recuperan os servizos que foron retirados», dixo Arroxo, que criticou que «incluso se anunciou que se pdoerían retirar algúns servizos».
Rubén Arroxo dixo que «o BNG leva moitos anos pelexando polo ferrocarril, lembremos aquelas campañas de Lugo quere tren nas que houbo mobilizacións e centos de lucenses saíron á rúa convocados polo BNG, porque non queremos ser a única cidade galega que queda illada», afirmou Arroxo, que engadiu «Imos seguir loitando porque cremos que isto é estratéxico para a cidade: unha das cuestións máis estratéxicas para que unha cidade se poida desenvolver economicamente é que teña boas comunicacións, e por tanto, Lugo non pode quedar atrás».