Sanfroidance, a gran festa lucense da cultura urbana

LUGO CIUDAD

Telephunken son: Ernesto Sánchez, Sergio Zamarvide y Borja Téllez
Telephunken son: Ernesto Sánchez, Sergio Zamarvide y Borja Téllez

Nomes como Telephunken, Lumedoloop, Dein ou Juli Giuliani conforman o cartel da vixésimo primeira edición do festival, que se celebra o sábado 10

09 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito antes de que a música e a cultura urbana adquirisen a condición de fenómeno de masas que ostentan hoxe en día, en Lugo xa había un festival que, adiantándose aos tempos, promovía aos artistas destes xéneros. Concretamente, 21 anos antes. Falamos do Sanfroidance (SFDC), o festival impulsado por Trasnosound que cada ano se celebra coincidindo coas festas da cidade lucense.

Na súa edición do 2026, o SFDC reunirá o sábado 10, durante oito horas, a seis artistas de diferentes estilos e xeracións, coa intención de converter a praza de Santo Domingo nun punto de encontro arredor da música e da cultura urbana.

A programación comezará ás cinco da tarde coa presenza de Dein, un rapeiro lucense afincado en Barcelona que presenta unha proposta de rap contemporáneo con identidade propia e conexión directa coa cultura urbana galega.

Ás 17.45 horas será a quenda de Juli Giuliani, artista criado entre Bélxica e Barcelona, cunha traxectoria de máis de quince anos ligada ao hip hop. A súa música expándese cara ao soul, funk, jazz, R&B e house, cunha visión aberta do rap e das músicas de raíces negras.

Ás sete da tarde, dende Ordes, chegarán Lumedoloop, o proxecto impulsado por Jamas e Møu —fundadores de Dios Ke Te Crew— xunto a DJ Mil. Tres nomes fundamentais da cultura hip hop galega cunha proposta desbordante de identidade e compromiso.

Ás 20.20 horas será o momento de Telephunken, o proxecto liderado polo zaragozano Ernesto Sánchez, unha das referencias fundamentais da electrónica española e do nu-funk, que regresa á escena despois de nove anos de silencio para celebrar o 25 aniversario da súa fundación.

Ás 22.00 tomará o control da cabina Onleia, DJ e produtora madrileña cunha longa traxectoria, que presenta unha proposta ecléctica especialmente orientada á pista de baile.

Pechará o SFDC, a partir das 23.30, o DJ vigués Dani Rivera, cunha sesión centrada no house e nos sons de club.

Como xa é habitual no SFDC, a música estará acompañada de visuais, reforzando a dimensión audiovisual do festival e creando unha experiencia na que son e imaxe dialogan durante toda a xornada.

  • LUGO PRAZA SANTO DOMINGO SÁBADO 10. 17.00 H. GRATUÍTO