A residencia de maiores Meira, máis preto de poder abrirse

la voz LUGO

MEIRA

Residencia de Meira
Residencia de Meira CEDIDA

A Deputación de Lugo aproba o contrato de servizos básicos, e en menos dun mes estará operativa

10 sep 2021 . Actualizado a las 13:22 h.

A voceira socialista na Deputación de Lugo, Pilar García Porto, informou dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno deste venres, na que se deron novos pasos para abrir nas vindeiras semanas o Centro de Atención a Maiores de Meira, coa adxudicación por preto de 624.000€ do contrato de prestacións básicas. O contrato inclúe o servizo de cociña, limpeza e asistencia para o centro.

Resultou adxudicataria a empresa Troncoso Casares SL ata o 20 de xuño do 2022, con posibilidade de prórroga ata o 17 de abril do ano 2023, segundo explicou Pilar García Porto, quen lembrou que este paso «permitiranos cumprir coas previsións e poñer en funcionamento a residencia de Meira entre finais deste mes de setembro e principios de outubro». Este será o cuarto centro de maiores que abre o Goberno no que vai deste mandato, e a sétima da rede provincial, pois xa están en marcha Pol, Trabada, Ribadeo, Castroverde, Pedrafita e A Fonsagrada.

García Porto sinalou que o CAM de Meira contará con 30 prazas de residencia -ampliables a 38 se fose preciso- e 20 prazas de centro de día. Seguindo o modelo de xestión establecido entre a Deputación e os concellos, os veciños e veciñas de Meira terán prioridade de acceso á residencia, logo os dos municipios limítrofes e, seguidamente, os do resto da provincia de Lugo. Do mesmo xeito, o custe da praza adaptarase á capacidade económica de cada persoa maior para que todos poidan acceder á mesma.

Achega económica para o FIV 2021

A Xunta de Goberno deste venres sacou adiante tamén un convenio de colaboración co Concello de Vilalba, por medio do que a Deputación achega 20.000€ para a celebración do Festival Independente de Vilalba (FIV) deste ano 2021, que terá lugar entre os vindeiros días 17 e 19 de setembro. Un evento musical que naceu no 2008 e que logo de 12 edicións está consolidado como un referente do indie rock nacional e todo un revulsivo para a comarcachairega.

«Con esta contía económica que aprobamos hoxe, a Deputación axuda a manter este festival, que ademais dunha proposta de lecer que dinamiza socialmente a nosa provincia, ten un retorno importante para sectores como a hostalería e o comercio», asegurou García Porto, que sinalou que o Concello de Vilalba adaptou as condicións para que poidan achegarse un mínimo de 1.000 persoas e un máximo de 2.000 nunhas condicións óptimas de seguridade.

Contratos

Por outra banda, a Xunta de Goberno sacou adiante a licitación de dous contratos para a prestación do servizo de mecanizados para vehículos e máquinas da Deputación por un importe de 18.000€ e outro de mantemento e reparación dos camións, vehículos especiais e maquinaria do Parque Móbil provincial por 54.000€. Ademais, o Executivo tamén deu luz verde na súa reunión de hoxe á adxudicación do contrato de subministro de equipos de protección individual, roupa de traballo e uniformes destinados ao cadro de persoal da institución provincial por 284.184€ á empresa Suministros Industriales Bello S.A.