Unha mostra repasa a historia da Terra Chá a través da olería

Laura López LUGO / LA VOZ

OUTEIRO DE REI

CEDIDA

A Capela de Santa María abriu unha exposición sobre a cerámica popular chairega

12 dic 2018 . Actualizado a las 13:46 h.

A historia da Terra Chá pode contarse de moitas formas. Unha maneira de achegarse a ela é a través da cerámica popular. A comarca chairega foi un dos catro centros oleiros cos que contou a provincia -xunto aos de Gundivós, Mondoñedo e Samos-, e a súa sona continúa hoxe a través do obradoiro de Pepa Lombao, situado en Bonxe (Outeiro de Rei), o único que continúa activo na actualidade. A exposición Formas tradicionais da cerámica popular. Terra Chá. Bonxe, que se inaugurou na capela de Santa María de Lugo ten precisamente como obxectivo «recoñecer e dignificar a memoria colectiva das persoas que construíron esta parcela da nosa historia» e dinamizar «un potente recurso de turismo cultural de calidade», segundo explican os organizadores.

A mostra, comisariada por Orlando Viveiro e Hixinio Flores, co apoio da Deputación, conta con pezas elaboradas neste centro oleiro, fotografías, mapas, paneis e outras informacións coas que dar luz sobre esta industria, que ten moito que contar sobre a sociedade chairega e a súa contorna.

Contan os organizadores da exposición que a fabricación de cacharros de barro foi un oficio moi importante na Terra Chá: «Hai constancia da existencia desta industria en Ramil, Bagueixos, Tirimol e Pías, no concello de Lugo; e en Guillar, Silvarrei, Pape, Constante, O Cantón, Francos, Penelas, Mosteiro e Bonxe, na contorna municipal de Outeiro de Rei».

Olería e música en Bonxe

Precisamente Bonxe é un punto clave en toda esta historia. No primeiro cuarto do século XX, case todos os veciños de Bonxe centraban a súa actividade no traballo do barro. Xunto a esta profesión, destacaba tamén a de músico, «un oficio que practicara unha parte relevante dos seus habitantes. A fundación inicial dunha banda deu paso a diferentes agrupacións musicais que animaron durante anos as romarías celebradas pola contorna da Terra Chá, como as orquestras Los Bonxes, Estrellas Azules de Bonxe, Parra, La unión, Acapulco Ban, Novedades de Rábade...». En Bonxe existiu un abondoso número de cacharreiros ata os anos sesenta, e aínda fica aberto o obradoiro de Pepa, «o único onde se continúan a elaborar, na actualidade, as antigas formas xunto con outras de moderno deseño».

A través da exposición pódese descubrir toda a cadea implicada na creación, desde a recollida e preparación do barro -maioritariamente extraído das barreiras de San Lourenzo de Aguiar e mesturado co de Rocello do Barro ou das Rozas da Lagoa de Matela, en Bonxe-, ata a súa elaboración, venda e distribución.

A importancia das feiras

Neste sentido, as feiras e mercados da provincia tiveron un papel moi relevante: «As pezas realizadas en Bonxe foron distribuídas polas feiras dunha extensa comarca, ás cales chegaban transportadas en fardos amarrados ao lombo de animais, cabalos e bestas, principalmente, ou mesmo utilizando o tren e autos». Así, está documentada a venda de cacharros fabricados por artesáns de Bonxe na cidade de Lugo, Rábade, Castro de Ribeiras de Lea, Meira, Castroverde, Sarria, Chantada, As Cruces, Melide, Monterroso, Parga e Vilalba, entre outros.

Con esta exposición continúa o labor de recuperación e posta en valor da cerámica popular lucense que iniciou hai uns anos un grupo de lucenses -na actualidade constituídos na Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira, que preside Hixinio Flores-, e que hai uns días presentou un libro sobre a olería tradicional de Samos.

APERTURA

Inauguración o martes 11

O acto será ás 20.00 horas na capela de Santa María, en Lugo.

visitas

Ata o 10 de febreiro

Poderase visitar de luns a venres de 10.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas; e os sábados, domingos e festivos, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas.

Entrada libre

O obradoiro de Pepa Lombao, en Bonxe, é o único que continúa activo na actualidade