Camiños e cantares nos eidos da bremanza: homenaxe a Fiz Vergara Vilariño

ANTÓN GRANDE

SAMOS

A pegada de Fiz Vergara Vilariño segue presente en Samos
A pegada de Fiz Vergara Vilariño segue presente en Samos ANTÓN GRANDE

O poeta do val do Lóuzara foi lembrado nos 25 anos do seu pasamento

20 jul 2022 . Actualizado a las 19:01 h.

As localidades de Samos e Santalla de Lóuzara acolleron este mércores a conmemoración do falecemento, hai 25 anos, do poeta louzariño Fiz Vergara Vilariño, nun acto organizado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago, baixo o tíduo de «Camiños e Cantares nos eidos da bremanza. Unha peregrinación literaria, cantada e falada», no que participaron escritores, artistas, músicos e amigos do homenaxeado.

Os actos deron comezo pola mañá no Concello de Samos, onde escritores e amigos de Fiz falaron del, da súa vida e obra, ou recitaron algúns dos seus poemas. Neste acto literario participaron os escritores Marica Campo, Paco Martín, Lois Diéguez, Antón Grande, Xulio Xiz, Yago Rodríguez, Uxío Novoneira, Goretti Fariña, María Casares, Cosme Pombo, Mero e Alfonso Blanco Torrado.

Tralo xantar posterior, a comitiva trasladouse a Santalla de Lóuzara, á casa natal de Vergara Vilariño, onde se levou a cabo unha pequena actuación teatral, a actuación do grupo A Quenlla e un recitado conxunto entre os escritores presentes dun poema de Fiz Vergara.

Os actos remataron cunha ofrenda floral, a cargo do escritor Lois Diéguez, ante a sepultura que garda os restos do poeta louzariño así como os de seus pais e da súa irmá Irene.