Un libro fala dos verdugos franquistas en Sarria

SARRIA

CEDIDA POR JOSE LUIS DIAZ GOMEZ

A presentación desta obra terá lugar o martes no hotel Alfonso IX ás 20.30

21 ago 2017 . Actualizado a las 18:55 h.

Martes 22 • 20.30 horas • Hotel Alfonso IX • Sarria •

Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron. Este elocuente título dá nome a un extenso estudo sobre a represión e os represores franquistas en Galicia, e dedica unha boa parte a analizar os verdugos na comarca de Sarria, na Ribeira Sacra e nos Ancares, no capítulo titulado Para nós matar é unha honra. As Escuadras Negras de Falanxe.

A obra será presentada este martes en Sarria, nun acto no que participarán Mónica López, concelleira de Cultura de Sarria; Xoán Costa, presidente de Sermos Galiza, editora do volume; Xosé Manuel Díaz, sobriño neto do médico do Incio asasinado, Manuel Díaz «O Pequeniño»; Isabel Mato Casas, neta dos asasinados na Casa do Inverno do Incio; e Xosé Ramón Ermida, coautor do libro.

Ermida explica que levaron a cabo unha exhaustiva investigación «evitando as fontes orais, todo o que publicamos está documentado». No caso sarrián, analizan o funcionamento das chamadas «escuadras negras» de Falanxe, como as de Sarria, Vilamaior, Callás, Eirexalba, Bóveda, Monforte, Castro de Rei de Lemos, Escairón ou Becerreá. Ademais, aportan unha relación dos veciños desta área asasinados -ben por procedementos xudiciais ou extraxudiciais- e achegan por primeira vez datos sobre algunhas das persoas que participaron nas accións represivas.

Unha das aportacións máis novidosas en canto a Sarria é a represión «de xénero», en forma de violacións. «Sabíase que houbera violacións, pero atopamos un informe de Falanxe de 1937 no que se explica abertamente este operativo de violacións; por exemplo, usábase para conceder pases para visitar familiares no cárcere de Sarria; este é un dos primeiros documentos xudiciais que coñecemos ao respecto», explica Ermida.

Violencia contra mulleres

«As violacións actuaron como unha das formas máis caracterizadas da represión dos fascistas contra as mulleres, non só como materialización da humillación e agresión á perdedora, senón como expresión do poder dos homes contra as mulleres. Violábase á ‘demócrata’ como método directo de castigo e violábase tamén ‘á filla, á compañeira ou á nai do demócrata’, nun intento por demostrar o desposuimento ao que estaba sometido o represaliado», continúa.

Este investigador detalla outros dos asuntos que se tratan no libro, como «as requisas, os roubos aos demócratas, as torturas, as malleiras ou os paseos figurados».