«Xa tiven unha proposta doutro partido, non vou dicir cal, pero voume manter en ?stand by?»

SARRIA

ALBERTO LOPEZ

Acusa ao presidente local, José Antonio García, de mentirlle e de pactar con el e non cumprir o acordado

20 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Luis Álvarez Rey, ex concelleiro do PP de Sarria, ven de presentar a solicitude de baixa temporal no partido. Fíxoo nunha reunión con afiliados e simpatizantes da comarca de Sarria, nun acto no que tamén estivo a presidenta provincial, Elena Candia. Asegura que só retornaría ao partido se dimite José Antonio García.

-¿Por que pediu a baixa?

-Non rompín nada nin deixei a deber nada. Queríame marchar de maneira elegante e pedín a baixa temporal porque non estou conforme co que está a facer no PP en Sarria o secretario local, José Antonio García. O tempo dará e quitará razóns.

-¿Que é co que non está de acordo con García?

-Sarria perdeu poder político. É a primeira vez na historia en que no hai un representante no Parlamento de Galicia. Non houbo nin candidato. García enganoume moitas veces, non sei se lle faría o mesmo ao resto do pobo.

-¿En que o enganou?

-Pactamos algunha cousa e el non cumpriu o que se comprometeu e desencadeou unha serie de cousas. Levamos tres anos de mandato municipal e non houbo unha soa reunión do comité local. Non sei se formo parte del ou non. Ninguén me comunicou a miña baixa e García recoñeceume que algunhas veces non me avisara para ir. Hai un oscurantismo total nestes tres anos. Nas últimas eleccións xa non quixen ir con el porque todos, menos el, sabiamos o que ía pasar: que ía perder.

-¿É fácil unha decisión deste tipo para alguén que formou parte do equipo de García?

-Estiven con el desde o 2003 ata o 2007 e de 2011 a 2015. Fomos xuntos cando o de Sabela Caldas. Non serviu para nada porque nas seguintes eleccións pasou á oposición.

-¿Que tería que pasar para que reconsiderase a súa postura?

-Si el presenta a dimisión e acepta a responsabilidade que lle corresponde, podería meditalo. Pero, sei que iso non vai acontecer. Xa está presentando o seu proxecto para o próximo mandato e non conta comigo.

-¿Sabía o que estaba a pasar a presidenta do PP?

-Elena Candia estaba ó corrente. O que non sei é se o coñecía a fondo. O caso é que non se preocupou de nada. Votaría de conta que non teño para onde ir e non é o caso. Teño amigos, familia e gústanme os viaxes.

-¿Pensa crear outro partido ou entrar noutra organización?

-Crear un partido non. Voume manter en stand by, aínda que esta mesma mañá xa me chamaron para facerme unha proposta. Non digo quen. Pero, partidos hai unha pilísima deles. De momento non teño pensado nada. Vou seguir así, aínda que levo desde os 22 anos colaborando en política todo o que puiden.

«Meditaría a decisión se dimite García, pero iso non vai acontecer»