Cando Vilalba medrou coas súas feiras

XOSÉ ANTÓN POMBO

VILALBA

PALACIOS

O campo Castelo, hoxe praza de Suso Gayoso, foi o escenario dos mercados locais durante séculos

12 feb 2019 . Actualizado a las 08:26 h.

Sábese que don Antonio Peña Novo (1887-1969) dedicou os últimos anos da súa vida a indagar sobre a intrahistoria de Vilalba. Con pacientes lecturas de documentos, durante anos acumulou información suficiente tanto para recompoñer o trazado urbano da vila no século XIX como para informar sobre os habitantes das casas que se distribuían case

en exclusiva no trazado medieval da vila. Boa mostra do indagado é o seu libro Villalba en el siglo XIX.

Pero ademais, en papeis illados coidados con esmero polas depositarias do seu legado, deixou informacións que sacan á luz esas pequenas historias dos lugares

que serven de soporte ao concepto de grupo social e que unen as comunidades. O das feiras foi un asunto do que se ocupou Antonio Peña e que hoxe tratamos. Nos tempos que corren, cando as feiras padecen un cambio total e, a dicir dalgúns, levan camiño de desaparecer, ante o debate do lugar da súa celebración, recordamos os espazos nos que tiveron lugar ao longo do tempo documentado.

Para ben comprender o asunto recordamos que no século XIX as feiras supoñían o medio principal para as transaccións comerciais. A elas acudíase para calquera negocio. Tanto se vendía gando, cereal, queixos, patacas... para obter numerario como se trataban

casamentos, ou se graduaba a vista, ou se consultaba o avogado ou se mercaba un reloxo. Nos días sinalados concentrábanse xentes que por veces saían da casa antes de raiar o sol e que regresaban despois do solpor.

Era día de negocios para comerciantes vilegos de todo tipo, desde casas de comidas ata xastrerías ou ferraxerías pasando por

vendedores de ultramarinos finos, e non finos, aos que se vixiaba nas pesadas. Revisando as anotacións de Antonio Peña, e con algunha achega máis, sabemos que a feira do gando en Vilalba viña celebrándose dende tempo inmemorial no chamado

campo Castelo, actual praza de Suso Gayoso.

Outros produtos negociábanse nas prazas Maior (hoxe de Santa María), do Pan (hoxe Coronel Pena) e de san Xoán. En definitiva, prazas e rúas eran mudas testemuñas de tratos das xentes que a elas acudían. Debemos recordar tamén que se conservaba a muralla do castelo, aínda que algo arruinada, e que nos foxos da fortaleza, exteriores a ela, non había casas.

Ata fins do século XIX tampouco había construcións nas beiras da estrada que de Ferrol se dirixía a Rábade nin na que chegaba de Baamonde, xa que se abriron, respectivamente, en 1860 e 1881. Vilalba era unha vila pequena que aló por 1820 tería noventa veciños e andaría polos 450 habitantes.

En 1829 sucedeu que o daquela alcalde, Luís Vázquez Rúa, supoñemos que observando que produtos facían circular máis cartos, quixo trasladar a feira da praza Maior, onde se vendía centeo, trigo, sementes, galiñas, manteiga, ovos, queixo, touciño, peixe, olas,

tecidos, herba e froitas, á de san Xoán, onde el vivía e tiña intereses. A reacción popular foi contundente e finalmente do asunto nada houbo. Na queixa dicían os veciños que ademais o alcalde edificara a casa en solar sagrado, onde antes había unha igrexa.

En 1860 ábrese, por fin, a estrada que desde Ferrol se dirixe a Rábade. Era unha vella demanda que nove anos antes xa provocara que o concello de Ferrol fixese público un Informe sobre la necesidad y conveniencia de la abertura de la carretera que partiendo de Ferrol debe enramar con la general de Castilla en el puente de Rábade.

Realmente a necesidade desa estrada xa viña de inicios do século XIX. O seu trazado por Vilalba foi xeneroso, escapou das vivendas feitas e pasou a rente da pequena vila. E iso ocasionou que as beiras da nova estrada, ancha e aireada, fosen as escollidas para erguer modernas casas necesarias polo aumento dos negocios e chegada de novos habitantes. Unha das primeiras construídas na ‘carretera’ foi a de don Antonio Gayoso, aquela que anos despois foi a fonda de don Ángel Rego, tan celebrada nos xantares polos habaneiros.

O conflito entre a nova estrada e a feira apareceu porque se invadían parte dos terreos públicos que no campo Castelo por tradición ocupaba o gando. Non había acordo entre carreteiros, bestas de carga e feirantes sobre os dereitos de paso e permanencia nestes espazos. Había que dar paso ao progreso que supoñían as novas vías de comunicación,

pero as feiras ían a máis e resultaban a principal riqueza da vila.

Para dar solución ao conflito, sendo alcalde Antonio Varela Piñeiro, o 8 de abril de 1865, reúnese o concello en sesión conxunta cos máis ricos e principais contribuíntes. Estudan o asunto e acordan expropiar os terreos de fronte da casa consistorial para ampliar os lugares de feirear. As

miras estaban postas nas propiedades dos veciños José Díaz, herdeiros de Juan Funcasta, Domingo Santº García e Antonio Currás, ademais de no duque de Berwick e Alba.

A intención era achaiar toda a contorna da torre de homenaxe e derruír a muralla e o que quedaba das torres secundarias; en total doce ferrados. Coas novas parcelas uniríase o campo Castelo coas prazas Maior e do Pan. Para reforzar o argumento tamén

se indicaba que alí sería edificada unha moderna escola e aforraríase en alugueiros. Pero as cousas, xa se sabe, non sempre saen como se planean ou como se acordan. Houbo outros intereses e a feira para alí non foi.

Pero do asunto escribiremos outro día.

Antonio Peña Novo recolleu valiosos datos, reflectidos na súa obra «Villalba en el siglo XIX»

As estradas de Ferrol e de Baamonde foron

as primeiras en construírse

Un proxecto, que non se executou, prevía achaiar a contorna da torre dos Andrade