O nacionalismo relixioso regresa á Vilalba natal de Pepe Chao 42 anos despois

María Guntín
maría guntín VILALBA / LA VOZ

VILALBA

A área de A Madalena reuniu a máis de 1.000 personas nun día de celebración e cheo de valores

16 sep 2019 . Actualizado a las 11:21 h.

Entre carballos e castiñeiros, na Vilalba natal de Pepe Chao, celebrouse onte a Romaxe de Crentes Galegos, organizada pola asociación Irimia. Baixo o lema de «Ferrados de corazón», máis de 1.000 persoas reuníronse na área de A Madalena, en pleno corazón da Terra Chá. O lugar é idea do párroco Alfonso Blanco, de Xermolos. No chamado Paseo dos Soños oficiouse a celebración dende as doce da mañá. Despois, un xantar en compañía e unha festa que se prolongou ata a última hora da tarde, e que finalizou cunha oración e despedida.

Un ano de preparación

A edición número 42 da romaxe tivo sucedeu na maxestosidade da Terra Chá e foi a cume dun ano enteiro de preparación, tal e como explica a presidenta de Irimia, Lucía Santiago Díaz. «Primeiro naceu a romaxe e despois fíxose a asociación. Dende entón tentamos facela en lugares poéticos, e especiais, colaborando con entidades locais. Neste caso con algunhas como Xermolos», conta.

Esta celebración tan enraizada na cultura galega comezou no ano 1977. Na Madalena vendéronse libros e medallas de Sargadelos que contribúen a financiar a celebración. Todo, pasado por bailes e aplausos. A de onte foi a primeira vez na que os miles de crentes se reuniron na que foi a vila natal de Chao, figura indispensable para Irimia e para o nacionalismo relixioso do século XX. Coma se de unha obra de teatro se tratase, tódolos asistentes seguiron un guión, coidado e preparado con todo detalle.

Compañeiros de toda Galicia e incluso de Portugal e León chegaron ata Vilalba a título particular ou nun dos once autobuses habilitados para a romaxe. «A filosofía aquí é que cada quen traia o que queira e o compartamos no xantar. Hai xente que trae instrumentos e outros, comida. Isto é partir, compartir e repartir e a romaxe é, sobre todo, un punto de encontro. Nunca te vas sentir fóra porque, aínda que non coñezas o nome da xente, todos te saúdan e che dan dous bicos», explica Lucía.

A revista Irimia, con máis de 1.000 números de historia, publícase cada mes e ten detrás unha redacción e unha engrenaxe profesional. «Case 500 familias len e participan activamente», explica a presidenta da asociación.