O pasado habaneiro máis presente de Santaballa

ana l. cillero

VILALBA

ANA CILLERO

Esta parroquia vilalbesa leva nove anos celebrando esta romaría, que se organiza ao redor da escola do ano 1907

15 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O mes de setembro ten un día sinalado no calendario para todos os veciños de Santaballa dende o ano 2010. É un día no que todos se xuntan para rememorar a historia da parroquia.

Santaballa é un lugar que ten tres das trece escolas habaneiras que se atopan no concello de Vilalba. Xa dende que soan os espertadores, moitos se levantan pensando que a roupa que van vestir é “roupa de época”. De época emigrante -cores claras e vestidos longos- porque se recorda cada ano que é un lugar cun fondo pasado emigrante e faise unha festa que ninguén perde.

Dende as doce da mañá ao redor de “A Liga” os santaballeses comezan a desfrutar do seu pasado. Primeiro cun partido entre os que viven en Santaballa de Arriba e os que viven en Santaballa de Abaixo, unha distinción feita para o propio partido e que se basea en quen vive dun lado da carreteira e quen vive doutro. O sol apertaba e ben por iso ou por outras circunstancias, non foi ata a segunda parte cando os de Santaballa de Abaixo anotaron o primeiro e único tanto do partido. É a escusa perfecta para poder xuntar a varios veciños amantes do fútbol.

Pero os apaixonados da música tamén teñen espazos para bailar, ben con charangas ou con dúos. A comida tampouco podía faltar. Cinco ringleiras debaixo dunha carpa estaban agardando por estes veciños que xa levaban toda a mañá de troula.

Todo estaba organizado ao redor do lugar onde está situada a mellor mostra do pasado habaneiro da parroquia: a Liga Santaballesa. Un edificio construído no ano 1907 que serviu de escola para moitos veciños e que a día de hoxe segue conservando algunha das estancias como exemplo do que foi a educación a comezos do século XX: pupitres, material de escritura, libros, mapas... Esta escola, ademais de ser un dos primeiros lugares onde se impartiu o galego, é reflexo de que a emigración se facía por necesidade, porque aquí non había e marchaban pensando no que quedaba en Galicia, nas súas casas. É certo que non todos os que emigraban volvían ricos, moitos non cumprían o seu soño e Santaballa tamén reflexa iso nas súas xornadas. As bandeiras de Galicia, Cuba e España ondean no balcón de A Liga, onde se encontran exposicións e fotos daqueles anos, de Santaballa e de Cuba e de planos doutras escolas habaneiras feitas como a nosa.

Ao redor do edificio, están situados postos artesáns chegados de toda Galicia: postos de complementos, picadores de pedra, vendedores de libros de literatura clásica…

Cando xa chega a noite, a elaboración da queimada é o que máis se espera. Manolo, un veciño vilalbés, viste unha capa de cor marrón e acompañado dun cranio dun esqueleto de plástico, vai botando os ingredientes nunha pota ao tempo que recita o conxuro. A festa adoita alargarse ata a madrugada, agora máis abrigados que á mañá.

Tradición compartida

Esta festa xa se considera unha tradición nesta aldea vilalbesa e os veciños desfrutan facendo festa, pero ademais, celebrando algo moi enxebre, moi seu e sobre todo, compartido con centos de persoas novas que cada ano se achegan a celebrar as xornadas indianas a Santaballa, ao carón dunha das escolas máis destacadas da Terra Chá, ben pola súa estrutura, ben pola forte labor educativa que realizou durante moitísimos anos para promover a cultura e o ensino nun lugar que agora lle estará para sempre agradecido.

A festa adoita alargarse ata a madrugada, e continúa aínda que o frío apreme