Patrocinado porPatrocinado por

«Dóeme o corazón cando queda cota sen gastar e hai quen a podería ter utilizado»

espe abuín REDACCIÓN / LA VOZ

PESCA Y MARISQUEO

SANDRA ALONSO

Máis que mudar o reparto, Quintana di que hai que buscar flexibilidades para que non queden toneladas sen pescar

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un tempo, Rosa Quintana non sabía se pedir ao ceo que soprase o nordés para limpar as rías de toxina ou que parase para non avivar os incendios que lle tocaban pola banda de Medio Rural. Hoxe, xa con exclusividade na consellería coa que nunca perdeu contacto nos 30 anos que leva na Administración, sabe perfectamente que lle ten que pedir a Eolo. 

-¿É unha impresión errónea ou hai calma chicha no sector?

-O 2016 foi un ano bo e iso xera moita tranquilidade.

-¿Non será esa estraña calma que precede aos desastres?

-Non creo. Pasamos uns anos malísimos, porque o 2014, 2015 e mesmo o 2016 foron complexos, pero agora parece que todo volve á calma. Temos máis posibilidades de pesca (aínda que non son suficientes); o ano pasado houbo boas descargas e bos prezos (foi o mellor en facturación dende o 2000) e iso se nota e lle da alegría á xente; hai apetencia de novo por traballar no mar. As relacións co sector son boas; temos moitas reunións e se lle está dando participación nas normas que estamos elaborando e iso tamén xera certa tranquilidade.

-¿Foi a manifestación do 27 de febreiro do 2016 un punto de inflexión? Porque foi a partir de aí cando se empezou a convocar ao Consello Galego de Pesca.

-Sempre houbo reunións co sector. De feito, unha das cousas das que máis me gabo é de haber pactado no Consello Galego Pesca unha postura unánime sobre a reforma da política común de pesca (PCP). O do 27 de febreiro aínda hoxe non o entendo ben. Creo que foi un cúmulo de circunstancias, quizá porque naqueles momentos o sector o estaba a pasar mal. Levábamos uns anos malos, escasa facturación, caída de prezos, de descargas... Iso confluíu co da lei de acuicultura, que xa se retirara, se mesturou co do botiquín... A verdade, aínda non son capaz de entender aquela manifestación. Dixéronse moitas barbaridades: que si lle ía vender a praia aos chinos, que si privatizar o mar, que si vender as bateas ás multinacionais... Cousas tan elementais que non me cabía na cabeza que alguén puidera pensar que todo iso era certo. Pero pasou... E pasou.

-¿E lle custou a cabeza ao director xeral de Pesca?

-Non. Juan [Maneiro] deu todo e máis do que podería a este sector e ao final estaba esgotado. Estivo dende abril do 2009 ata decembro do 2016 e creo que se digo que nese tempo colleu un mes de vacacións é moito. Comprendo a súa decisión.

-¿Danlle arrepíos cando escoita a palabra acuicultura?

-Arrepíos non, dáme pena, porque a min non me gusta perder oportunidades, e Galicia debería seguir sendo o número 1 en todo o que ten que ver co mar. Non sigo porque non quero abrir a brecha, xa que hai quen dirá que sigo intentando sacar a lei adiante. A proposta está aí, aberta ao debate, a que, artigo por artigo, o sector poida dicir o que lle gusta e o que non lle gusta.

-Está a ameaza (ou oportunidade) do «brexit». ¿Ata que punto Michel Barnier vai negociar pensando en Fisterra ou na Mariña? ¿Galicia vai estar nas negociacións ou verá os touros dende a barreira?

-Que Bruxelas elixira para negociar a unha persoa que foi ministro de Agricultura e Pesca en Francia é proba da importancia que lle concede aos sectores primarios nese proceso. Galicia dispón xa dunha análise xurídica sobre as posibles consecuencias do brexit; estamos traballando nun informe de impacto socioeconómico que o propio director xeral da DG-Mare lle pediu ao presidente da Xunta porque necesitan ter eses datos para poñelos enriba da mesa no momento da negociación; constituímos un grupo de traballo no Consello Galego de Pesca; representantes do noso sector están formando parte da asociación europea; buscamos reunións bilaterais con outros países con intereses pesqueiros... Galicia está dende o minuto un. 

-Quizá o peor veña despois, cando quedemos 27.

-Aí é cando temos que estar preparados para que non aconteza o do 86, que os sectores primarios da UE se utilizaron como moeda de cambio. Por iso o interese de Galicia en que se vexa a importancia da nosa actividade. As regras de xogo cambian porque se vai un país da UE e porque a prohibición dos descartes fai que determinadas especies de estrangulamento cambien a estabilidade relativa. E se me cambian as regras de xogo, téñenme que volver a abrir o taboleiro.

-¿Con que cara lle pedimos a Europa que cambie o reparto cando aquí nos pasa o mesmo, que a uns lles sobra cota e a outros lles falta? -Estamos cambiando o modelo de xestión e neste proceso temos que aprender todos e ser capaces de dar coa mellor fórmula, unha que permita a solidariedade e o traspaso de posibilidades de pesca dun segmento de flota a outro. Non pode ser que lle sobrara xarda ao cerco e que a baixura quedara sen ela. Había un compromiso de revisar o modelo establecido aos dous anos da súa implantación e así llo volvín a pedir ao novo secretario xeral de Pesca. Creo que é nesa liña na que temos que traballar, en que non nos poden sobrar posibilidades de pesca cando temos suficiente capacidade para poder facer uso delas.

«Xa non vexo a tristura de antes e o abandono; de novo hai apetencia polo sector»

A conselleira é tallante con respecto ao acordo con Portugal, que este ano toca renegociar: «Non pode haber un trato desigual entre as flotas de Portugal e de Galicia».

-Di que as escolas náuticas están a sobordar e, sen embargo, hai falla de relevo xeracional. ¿Que é o que falla? ¿Será que hai pouca oferta de cursos obrigatorios?

-É certo que a matrícula nas escolas náuticas non para de crecer. E ninguén pode dicir que non se atendese unha solicitude de cursos de formación obrigatoria. Entre outubro pasado e novembro que ven se impartirán 120 cursos nos portos de Galicia. ¿Que acontece? Que a formación regrada é tan boa que as empresas en terra contratan a maioría deste persoal.

-¿Que pasa que despois de varios procesos de regularización de flota aínda hai problemas?

-Acabamos de ter un control da UE sobre a situación da nosa flota e o pasamos ben. Hai quen di que precisa máis motor por motivos de seguridade e nós estamos intentando que eses barcos, ligados á explotación de recursos específicos como o percebe, pasen á cuarta lista como embarcacións auxiliares, onde non hai limitación de potencia, sempre que teña o visto bo das normas de seguridade, porque tampouco se trata de deixar Ferraris correndo polas rías.

-Pero hai máis casos, fóra das lanchas do percebe, que non atopan cabalos para regularizarse. 

-Houbo xente que investiu para regularizar a súa embarcación e non sería xusto que agora a Administración fixese táboa rasa e regalase cabalos a quen lle faga falla.

-¿Recupera pulo o marisqueo? O berberecho volve a morrer...

-Co berberecho temos o problema da marteilia, pero parece que se está a conseguir superar a resistencia ao patóxeno. Agora morre porque o debilita e o matan as choivas, pero volve a haber semente e pode que se recupere de aquí ao verán. En liñas xerais, creo que o marisqueo se está recuperando. O ano pasado, a flota de artes menores, incluída a de marisqueo, medrou as descargas nun 25 %, pero un 45 % a facturación. Isto quere dicir que o mercado valora a calidade dos nosos produtos. Estamos recuperando zonas improdutivas e buscando semente para elas. O ano pasado mudou a tendencia e por primeira vez houbo más incorporacións que xubilacións. E outro dato: as mariscadoras xa non son o 95 % do sector, xa están no 75 %. Os homes, que antes desprezaban esta actividade, agora xa a ven como unha actividade rendible. Xa non vexo a tristura de antes; de novo hai apetencia polo sector.

«Os cambios neste sector non son efectivos dun día para outro»

Máis que de cambio de reparto, Quintana fala de buscar criterios de flexibilidade para traspasar cotas entre artes e barcos.

-Mentres non se dan con eles, ¿como se lle explica a xente que ten que tirar peixe ou que a cota só lle da para dúas semanas?

-Polo menos agora temos unha cota que é nosa e a administramos nós. Antes xa non se podía nin saír, porque se esgotaba antes de que a xarda chegara aquí. Hai xente que por tradición se desprazaba a pescar ao Cantábrico e o seguen a facer, sen decatarse (e isto é algo que temos que analizar) de que van cando outras flotas van a esa mesma especie, logo hai sobreoferta no mercado e prezos baixos. Agora aquí en Galicia hai xarda, dun tamaño bo, que están pagando ben e non a podemos pescar porque xa case non temos cota. Péscana os vascos e os cántabros, pero coa súa cota; nós, coa nosa. Falta adecuarnos a ese novo modelo de xestión, temos todos que ir facéndoo pouco a pouco.

-¿Vaise pescar por tradición?

-Non sei se por tradición... Non lle quero botar a culpa a ninguén, para nada. Son cambios moi recentes, e neste sector os cambios non son efectivos dun día para outro. Todos estamos aprendendo. A Administración tamén. Temos que buscar a mellor utilización posible. Dóeme o corazón cando a final de ano nos sobra cota cando sei que hai xente que a podería ter utilizado.