Falece Manuel Lampón Dios, Vendaval: un home de Carreira volcado coa familia e o mar

josé manuel parada paz

OBITUARIOS

CEDIDA

De carácter próximo, foi quen de superar moitas adversidades

10 jun 2021 . Actualizado a las 23:37 h.

Cando verche en calquera momento foi unha inmensa felicidade, daba igual si eran moitas veces ao longo dun día ou unha vez á semana, sempre tiñas unha historia por contar, unha canción que cantar, falar de fútbol e do teu Real Madrid, ou da túa querida Carreira. Os teus ollos eran o reflexo da túa alma, con ese azul do que ti tanto amabas, o mar. A túa pel daba sinais de todas as cicatrices que che deixou o mar. Fostes quen de superar moitas adversidades que esta vida tiña para ti. O naufraxio que virou a túa vida, era esa historia que cando a contabas facíanos estremecer, recordareina cas túas palabras:

«Tiña 18 anos e a alegría fuxiu da casa. Meu pai comprara unha traiñeira de seis remos por banda e cando nos atopábamos a pescar polo sur das Forcadiñas, derramou un ciclón e caeu un temporal de súpeto. A traiñeira virou quilla arriba. Aquel 4 de outubro morreron meu pai, meu irmán e dous máis. Salvámonos tres homes, grazas a unha motora de Aguiño que veu en socorro. Meu pai que nadaba coma un peixe, e cando viu a meu irmán afogar colleuse a un remo e soltouse do barco quilla arriba. A ver si podes salvarte e podes conta-lo conto; sen o meu fillo non me vou. E deixouse ir polo mar abaixo».

No teu carácter estaba o sacrifico polos demais e sobre todo esa esperanza que che fixo saír adiante do maior revés que che deu a vida. Fostes capaz de facer unha dorna de nove cuartas, a dorna carreirá Capilla, volvendo saír ao mar sen máis medios que un par de remos e unha vela que che facían chegar aos mellores caladoiros nos que enchías a embarcación de peixe nas noites escuras, coa única luz dos faros e das estrelas que che axudaban a orientar. A mesma esperanza que che devolveu unha gran familia, chegando a ter seis bisnetos.

Témosche que despedir no peor momento, no que unha pandemia privouche de levar a vida que tanto querías, visitando cada día á familia, saír falar cos veciños, dar unha volta polo peirao, asistir cada domingo á misa e gozar como cada ano das festas da Guía. Ver como che ían afectando todas as restricións sen poder facer nada para nós foi moi duro, pero quédannos no recordo os momentos bos que gozamos ao teu carón. Botarémosche moito de menos, pero seguirás vivo en nós, porque quererte é moi doado, xa que facíaste querer.

Grazas avó, por todos os recordos que me deixas, todo o que me ensinaste da vida e do mar, e sobre todo a querer e a amar Carreira, porque ti eras un carreirán de alma e corazón.

Lola, a túa pequena da casa, que tanto che alegrou estes últimos anos, envíache moitos bicos ao ceo. Bicos de toda a familia avó, e dálle outros tantos á avoa Lola.

Cando mire as estrelas nunha noite escura verei na súa luz os teus ollos alentando o noso día a día. Fuches vendaval ata o teu último día.