Boiro despide a Carmen Triñanes, a gardiá da mellor receita de pan de boroa

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

OBITUARIOS

Carmen a da Boroa seguiu toda a vida cociñando o pan ao estilo tradicional
Carmen a da Boroa seguiu toda a vida cociñando o pan ao estilo tradicional DANI GESTOSO

Durante toda a súa vida seguiu elaborando grandes bolos de millo ao xeito tradicional

07 jun 2026 . Actualizado a las 17:31 h.

Sendo aínda unha nena tivo que aprender que o pan era un alimento esencial para poder sacar adiante a unha numerosa familia con sete fillos. Así que, seguindo a receita da súa nai, Carmen Triñanes Tarela (Boiro, 1928) empezou a facerse toda unha experta na técnica de converter a fariña en grandes bolos de pan de boroa.

O que nun principio foi un labor que comezou por necesidade, co paso de tempo converteuse nunha profesión, ata tal punto que a boirense foi rebautizada como Carmen a da Boroa, posto que era coñecida en todo o municipio por seguir elaborando o pan de millo ao xeito tradicional. O proceso podíase alongar por espazo de sete horas porque, como ela mesma explicaba, había que seguir sempre os mesmos pasos e cumprir os tempos.

O primeiro era escaldar a fariña de millo con auga a ferver e engadir a de centeo cando o masa xa estea fría. A continuación, había que incorporar o fermento e esperar o tempo suficiente para que o preparado acadara o volume óptimo. Logo chegaba o toque final: cocer o pan nun forno de pedra que previamente se quentara con leña e do que finalmente saían grandes bolos cocidos, que fixeron que a fama de Carmen a da Boroa traspasase fronteiras.

Despois de toda unha vida mantendo unha tradición que está a piques de desaparecer, a boirense marchaba este sábado aos 98 anos.