Que non nos aleccionen a base de tourada

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

10 sep 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

O feito de sangrar un touro, aínda que sexa rodeado de ouropeles, floripondios e música, paréceme unha barbaridade, pero aquí tamén se fan vodas ciganas, tomatinas e despedidas de solteiro, que case adiantan pola dereita en animalada ás touradas. Pode que esta opinión se deba a que unha merendou ante aquela tele dos 80 na que o zapping se reducía aos touros durante os anuncios do Barrio Sésamo. ¡Daquela estaba tan exposta ao mal! Por iso hai 6 anos prohibiron as touradas no seu horario tradicional das 17 horas, pero agora aboliron a prohibición. E este país ten tal tendencia a desmadrarse, que soltou as cadeas dos adalides do paternalismo de pseudoesquerda, rabiosos porque a crise tragou estes debates de fondísimo calado moral. Así que din que hai que protexer das touradas aos mesmos nenos aos que mercamos videoxogos que puntúan por cantidade de sesos derramados. A cantinela da protección infantil está en emisoras que manteñen por décadas programas de touros, en xornais que dedican monográficos a José Tomás e en programas rosas centrados nos toureiros e as súas vidas exemplares. Os seareiros das touradas teñen os mesmos dereitos ca os do alpinismo ou a loita, actividades que tampouco son nin saudables nin exemplares. E se é tan ofensivo para os espectadores que poñan touros, xa os desterrarán, como fixeron co teatro e os programas de libros. Porque a tele é como o país. E a España de charanga e pandeireta ten un punto bárbaro que, ben cultivado desde os ministerios de turismo, dá agora estes froitos.