Calendario escolar

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

03 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O debate sobre os tempos escolares non é novo. A finais do próximo pasado século estivo centrado no tipo de xornada escolar, téndose xeneralizado actualmente a de sesión única, malia non contar cunha postura favorable concluinte. Aínda que os membros da comunidade educativa están coincidindo cada vez máis nesta modalidade, hai moitos expertos que seguen a dubidar das supostas vantaxes pedagóxicas. Ao final, acabaron primando outro tipo de razóns de carácter social, como son o gran interese dos pais polas actividades extraescolares dos fillos ou o aforro en servizos complementarios de apoio á escolarización.

A controversia sobre a modificación do calendario escolar comezaba no ano 2000, co aumento dos días lectivos. O curso académico pasaba de iniciarse ben entrado outubro a facelo a principios de setembro; e de rematar a mediados de xuño, a chegar a finais. Pero nacía unha polémica que se ven mantendo viva, periodicamente, ata hoxe, sobre a descompensación de días lectivos e de descanso, co clásico sistema de tres trimestres separados polo Nadal, Semana Santa ou verán.

Desde un principio, desbotouse a idea de reducir a menos de dous meses as vacacións de verán, como ocorre por exemplo en Alemaña, Suíza ou no Reino Unido, sobre todo polos problemas que causaría a moitas familias. O debate centrouse entón na posibilidade de ter actividade docente desde os cinco primeiros día de setembro ata os cinco últimos de xuño, sen variar o total de xornadas lectivas no ano. Faríanse, polo tanto, descansos máis frecuentes, da mesma maneira que ocorre en diversos países europeos, como Francia ou Bélxica.

As razóns polas que en 16 anos apenas se teña avanzado nesta dirección, están centradas, sobre todo, nas actividades que hai que levar a cabo no final e inicio de curso, como exames, matrículas, distribución do profesorado? Trasladalas ao mes de xullo sería unha solución, pero tamén iría en contra da nosa realidade social. Ademais, un cambio no calendario de exames pode resultar un fracaso, como está ocorrendo na universidade, desde a implantación do Plan Boloña.

O longo período de inactividade escolar do verán, non é positivo desde un punto de vista pedagóxico, sobre todo pola desconexión do traballo intelectual da maioría dos alumnos. Pérdense hábitos difíciles de adquirir e esquécense coñecementos. Está claro, polo tanto, que descansos máis curtos pero tamén máis frecuentes, resultarían beneficiosos para o rendemento. A proposta de unha semana de descanso cada dous meses de clases é interesante, pero non vai resultar doada de implantar sen potenciar as medidas de apoio á conciliación da vida familiar e laboral, coas que si contan eses países que optaron por este modelo.