Lady Astor e Sir Winston

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

20 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dise que, en certa ocasión, unha dama lle dixo a Churchill que se fose o seu marido lle envelenaría o te; ao que Sir Winston lle contestou que se el fose o seu marido sen dúbida o bebería. Parece ser que a dama era Lady Astor, unha nativa americana que ocupou escano durante un cuarto de século no Parlamento británico, tras nacionalizarse polo seu matrimonio cun nobre inglés que ocupaba asento na Cámara dos Lores. Sir Winston e Lady Astor coincidían en ser deputados; e ambos os dous eran conservadores e aristócratas. Tamén os dous coincidiron en pasar á historia. El, polas razóns de todos sabidas; ela, pola menos coñecida circunstancia de ter sido, en 1919, a primeira muller en sentarse no Parlamento británico (en sentarse, xa que antes fora elixida deputada a independentista irlandesa Constanze Markievicz, que renunciara en 1918 a ocupar o escano en Westminster seguindo as instrucións do seu partido, o Sinn Féin).

Sir Winston e Lady Astor tiñan outra cousa en común. Ambos os dous foron o que na terminoloxía parlamentaria británica se denomina backbencher. Os backbenchers (literalmente, «os que se sentan detrás»), son definidos no glosario que publica o Parlamento británico como «os membros da Cámara que non son nin ministros nin portavoces do partido da oposición, polo que ocupan os escanos de detrás daqueles», que por estar na primeira fila son chamados os frontbenchers. E séntanse atrás ou ben porque acaban de chegar ao Parlamento, e pola súa inexperiencia aínda non asumen responsabilidades no seu grupo parlamentario; ou ben porque queren manter a súa independencia ou porque directamente discrepan da liña política que manteñen os líderes do seu partido e grupo parlamentario que sentan na primeira fila. Lady Astor foi 25 anos deputada, e nunca deixou de ser unha backbencher, porque prefería manter a súa liberdade de criterio; Churchill foino menos tempo e tamén por discrepar do seu líder: xusto o tempo no que os seus colegas do Parlamento tardaron en descubrir que era Churchill quen enxuízara correctamente as intencións de Hitler, e non o primeiro ministro Chamberlain, o ben intencionado subscritor do Pacto de Múnic, que o propio Churchill plantexou como unha elección entre a deshonra e a guerra e que rematou por traer a deshonra e a guerra. Unha guerra na que Lady Astor colaborou cedendo, como fixera na Primeira, a súa mansión para a atención dos soldados feridos na batalla.

As relacións persoais entre Lady Astor e Sir Winston parecen confirmar aquilo atribuído a Andreotti, o de que hai adversarios, inimigos, inimigos mortais e compañeiros de partido. Pero en realidade amosan a esencia do que é un partido político. Como di a nosa Constitución, e con carácter xeral, «expresan o pluralismo político, concorren á formación da vontade popular e son instrumento fundamental para a participación política». Ou como descubriu nos abandonados locais do que fora en tempos un banco o politólogo metido a candidato M. Ignatieff: «Nunha época de fragmentación social, na que cada vez estamos máis illados uns doutros pola clase social, a renda, a raza, a relixión e a idade... un partido político é o lugar no que uns descoñecidos se reúnen para defender aquilo que comparten e loitar por unha causa común». De aí a importancia que teñen os partidos; e a preocupación que debería provocar o feito de que recorrentemente estes, os partidos, figuren como o terceiro problema de España nos barómetros do CIS (tras o paro e a corrupción, para case un terzo dos españois).

O comportamento de Sir Winston e Lady Astor, dous dos máis famosos backbenchers da historia do Parlamento británico, que permaneceron leais á súa formación mantendo a súa propia opinión, pode servir como resposta á crise de credibilidade dalgúns partidos políticos. Como podería selo tamén a resposta que Lady Astor lle deu a Sir Winston cando este lle preguntou a un grupo de deputados conservadores que tipo de disfrace resultaría axeitado levar ao baile que tiñan aquela noite. Unha rápida Lady Astor contestoulle que abondaba con que fose sobrio. E é que nunca sobra un pouco máis de ironía e sobriedade.