Vivimos nun gran de area

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

15 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Razóns non lle faltan a Stephen Hawking para advertir que ao noso planeta lle queda pouco tempo. Recoméndanos que vaiamos buscando sitio noutros planetas, pero véxoo complicado: demasiado lonxe. Para intentar imaxinar as distancias, suxírolle o seguinte experimento: comprimir o sistema solar 10.000 millóns de veces e representalo a escala nunha explanada na que teña sitio.

En primeiro lugar, colla unha laranxa de 14 centímetros de diámetro: así sería o Sol nesa escala. Colla agora un grao de area de 1 milímetro: así sería a Terra a esa escala. Nesa mesma escala a Terra estaría a 15 metros da nosa laranxa-Sol. Sepárese para ver o conxunto e empezará a decatarse o ridícula que é a Terra no espazo. Pero sigamos co resto de planetas. Colla agora un gran de area coma o de antes e intente partilo pola metade: sería o planeta Marte, que habería que situar a 23 metros da laranxa. Se lle queda sitio, probe a situar a Xúpiter: sería unha boliña de 1,4 centímetros, colocada a 78 metros da laranxa. E Plutón? Sería unha simple partícula de po situada a... ¡case 600 metros da laranxa!

Como no noso sistema solar non hai ningún planeta que nos sirva, teríamos buscar no sistema máis próximo, Alfa Centauri, onde hai unha estrela coma o noso Sol, que polo tanto sería outra laranxa. Onde teríamos que colocala para seguir co noso xogo? No medio de Siria! Ao redor desa laranxa en Siria podería haber algún graíño de area que nos valese.

Peche os ollos, imaxine a escena, e entenderá mellor por que cómpre coidar da Terra.