A Galicia ideal

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Velaí o estaba, o mestre morto onda os dous meniños e o trazo indubidábel de Castelao. De fondo, a música dos nenos que xogaban no patio. Esoutros rapaces, os que estudan en galego en Bos Aires, son os superviventes que Castelao soñou e que agora constrúen na Arxentina un futuro posíbel. Corricaban polas inmensas canchas de voleibol e cantaruxaban muiñeiras en aulas con espellos nas paredes. E cando a escritora entraba no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, sempre había un neno de ollos achinesados (hai moito coreano polo barrio) que dicía «bo día» cun aquel porteño na cadencia. Entón chegaba a emoción que medraba azul e branca, porque ela tampouco acababa de saber se o soño do Castelao acadara a imaxinar esa Galicia ideal a dez mil quilómetros de alá, como din eles. Se cadra, se non matasen aos mestres no 36…

Entón chegaba o momento solemne do cadro. A derradeira lección do mestre. A foto coa cámara do móbil albiscábase nos vidros cos obxectos consagrados. A máquina de escribir, a máscara, uns pinceis, unhas cartas. Pero sobre todo, a pintura que significa tanta loita pola liberdade, acá e alá. Unha reminiscencia do medo na vida enteira dun avó mestre, falanxista de adopción. Outra do ruído de disparos e o brumbrum dos barcos. De súpeto, outra vez os sons da rapazada da Galicia ideal que vive nos corazóns dos 300.000 galegos que, en Bos Aires, souberon manter o sentido da lingua que esmoreceu alá, na Galicia europea.

A escritora montou no remis pensando que Galicia enteira se refuxiara nun edificio entre Mitre e Paso, e que reviviría despois de que os galegos se aniquilasen entre si. E así volveu alá feliz, pois entendeu que a esperanza habita en Bos Aires.