O Banco Pastor e o futuro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

11 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A autonomía dunha sociedade, a capacidade para xestionar o seu presente e o seu proxecto de futuro, afíncase en catro peares básicos: a política, a comunicación, a cultura e a economía, non necesariamente por esta orde xerárquica, mais como unha rede de vasos comunicantes. Cada un destes aspectos está relacionado cos outros tres e son interdependentes. Política significa capacidade para decidir e para xestionar un plan estratéxico (non inmediatista) que contemple a organización do conxunto da sociedade con criterios integradores, ilusionantes, o que significa considerar o grupo social como un suxeito político autónomo. Para iso eliximos os nosos representantes. Comunicación quere dicir un sistema de relacións entre as persoas, axentes sociais, grupos de opinión e de intereses, medios e industrias da comunicación que vertebren internamente a sociedade e, ao mesmo tempo, que a proxecten cara ao exterior, na relación con outras colectividades. A cultura é a expresión das capacidades que ese colectivo ten para desenvolver ideas, coñecementos, respostas perante os desafíos que cada momento histórico nos presenta. As tradicións, por exemplo, son acumulación de coñecementos transmitidos entre xeracións. A educación regulamentada, dende a escola infantil ao mundo postuniversitario, incluida a investigación, son expresións da cultura que cada pobo produce e reproduce historicamente.

A economia, á fin, é a capacidade para xerar recursos cos que alimentar a calidade de vida do grupo social, desenvolver as súas posibilidades materiais e, ao mesmo tempo, financiar os tres peares anteriores. Sen excedentes económicos dificilmente podemos pensar en asentar unha política verdadeiramente autónoma, empresas de comunicación competitivas e eficientes (medios de comunicación propios) e unha cultura axeitada, con capacidade de risco e esixencia crítica, tanto no ambito da tradición como en aspectos máis avanzados (educación, investigación) e nas marcas simbólicas de socializacion e identidade (lingua de noso). Dito todo o anterior, e pedindo disculpas polo plantexamento se cadra teórico de máis do artigo desta semana, ¿cómo contemplar o posible futuro do Banco Pastor, que está a ser noticia estes días? Pois un capítulo máis na progresiva, acelerada e aniquiladora desfeita da nosa realidade financeira, económica e social nas últimas décadas, moi principalmente coa entrada do novo século. Sen necesidade de viaxar moi contra atrás, tal que ilustrou Fernando Salgado nunha reportaxe do venres neste mesmo xornal, a crónica da Galicia que se enfronta á nova modernidade: os desafíos do século XXI, a globalización, as novas tecnoloxías, a competividade transnacional dos mercados, etc., semella a crónica dun dramático desgüace. Entre e impotencia e a pasividade. Podemos seguir mirando para outro lado. Ata que non quede máis nada que ver.