Macron fronte a Trump

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

10 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Macron e Trump coinciden en defraudar as expectativas dos comentaristas políticos. Do americano díxose que non chegaría a presidente; que non levaría á práctica as súas promesas electorais; e que, xa presidente, aprendería boas maneiras. E xa ven: dálle un empuxón ao presidente de Montenegro; senta antes que o papa e colócase diante del na foto da recepción, e dedícase a estrullar a man e a zarandear aos mandatarios aos que saúda, como sucedeu co primeiro ministro de Xapón ao que levantou do asento do tirón que lle deu. É a súa maneira de demostrar a súa superioridade e a súa forza non só física. 

Pero en Europa topouse con Macron, que pasou de ser o mal menor nas eleccións francesas a converterse no posible líder da UE.

Tump, que demostrou no cume da OTAN o seu desprezo a Europa, tentou dúas veces co francés o seu xa famoso saúdo, pero atopouse cun home disposto a resucitar a grandeur de Francia e de paso a do resto de Europa. Nos vídeos pode verse en primeiro plano a man dun vello que tenta liberarse dunha man firme e nova, e como noutro momento Macron saúda antes aos mandatarios da UE, frea con decisión o tirón do americano e dálle as costas.

E non son só xestos: tras o anuncio de Trump de abandonar o tratado de París, Macron convidou os científicos e cidadáns responsables, que están en desacordo con esa decisión, a traballar en Francia para atopar solucións para o cambio climático. Oxalá que esta vez os que saben de política non se equivoquen ao crer que Macron pode ser o líder que Europa necesita.