A selectividade, as universidades galegas e Brighton

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

13 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As universidades galegas están de saldo. Outra cousa non pode deducirse do que vemos estes días. A selectividade e o final do curso son o momento ideal para lanzar noticias universitarias, para interesar á sociedade no labor docente das universidades e promocionalas para a atracción de novos estudantes para que se matriculen no curso seguinte. Sábeno todos os expertos en comunicación das universidades públicas e moi especialmente os das privadas, ás que en España cústalles moito competir en calidade e reputación. 

Este foi o momento elixido polo presidente da Xunta de Galicia para anunciar a bombo e chascarraschás que o prestixioso título de hostalería do CSHG vai converterse nun título de grao pola Universidade de Brighton. Pode entenderse? Podemos imaxinar un presidente da Xunta gabándose na Feira do Viño de Ribadavia de facer convenios para promover o beaujolais ou achegarse a Ferrol para anunciar a construción de buques da Xunta nos estaleiros de Rotterdam? Non cabe en cabeza humana.

Pois isto tampouco, pero asombra a escasa reacción que xerou tan asombroso anuncio. Pode ser por perplexidade, papanatismo ou ignorancia. Non hai problema porque son males que poden curarse con información e coñecemento. Brighton é unha cidade de veraneo do sur de Inglaterra famosa pola Grand Parade e o Royal Pavillion, pero o Reino Unido hai ben tempo que deixou de ser famoso pola súa hostalería, e da súa gastronomía non falamos. Búsquese Universidade de Brighton neses ránkings internacionais dos que falan algúns responsables políticos cada vez que recortan o financiamento universitario e búsquense despois as universidades galegas. Non teño pensado facerlles o traballo aos que mal xestionan estes asuntos pero calquera interesado sabe que abonda con teclear cinco palabras nun buscador da Internet.

A outra noticia de universidades que nos deu o presidente nestes días foi que por quinto ano as taxas seguirán sen subir... e o financiamento público tamén. As taxas significaban arredor do 25 % do financiamento universitario nas últimas décadas, por exemplo na USC, e hoxe supoñen o 10 %. Da diferenza resulta a porcentaxe na que se reduciron os orzamentos nestes anos, pese aos esforzos das universidades por captar fondos en todos os caladoiros.

Falando de novas tendencias académicas veñen a conto os estudos poscoloniais e decoloniais que están abrindo interesantes fiestras ao coñecemento. Os seus novidosos enfoques permiten, por exemplo, explicar como é posible que un Toiseach (primeiro ministro de Irlanda) poda declarase seareiro do Manchester United, pertencendo a un partido nacionalista herdeiro da sublevación de 1916. Deixando á parte que é a equipa dos irlandeses en Inglaterra, non é doado de entender. O noso presidente nunca diría algo semellante aquí. Esa materia tena aprobada, pero alguén terá que explicarlle que coas universidades -que son máis importantes que o fútbol, ou non?- aplícase a mesma regra. Para non superar a nosa capacidade de asombro.