Incendio en Portugal

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

20 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non foi un incendio calquera, foi unha catástrofe sen mingua. Tamén unha advertencia que debemos ter en conta. Estase falando xa das razóns inmediatas do incendio como unha combinación explosiva da onda de calor destes días, moito vento, máis unha tormenta seca con lóstregos que prenderon lume nas árbores. Moitas persoas non deron librado das chamas e foron atrapadas na estrada mentres fuxían, ou mesmo nas súas moradas, por bólas de lume que avanzaban a grande velocidade e mudaban de rumbo sorpresivamente. Todo aparece presentado como fortuíto e cousa da natureza. Sucédense as queixas habituais sobre a ausencia de bombeiros e axuda nos intres máis dramáticos, pero polo que se vai sabendo non parece que o acontecido fora doadamente atallable. Tampouco foi acusado ningún pirómano como chivo expiatorio.

 Responsabilizar ás circunstancias e á natureza non abonda se queremos entender o que pasou para evitalo. Hai que ter conta dun factor global e mediato relacionado co cambio climático: a falta de chuvias, a suba de temperaturas globais e os seus efectos en territorios que pola súa latitude e altitude non sufrían como agora secas e altas temperaturas recorrentes. Territorios que polas súas condicións físico-climáticas producían moita biomasa e mesmo soportaban ben unha grande masa forestal. Pero tampouco abonda co cambio climático.

No que pasou agora en Portugal hai que ter en conta outros efectos da acción humana no prazo histórico dun século. O municipio de Pedrógrão Grande ten unha historia que nos resulta familiar, como tamén os topónimos das súas fregresías e aldeas: Vale do Barco, Tojeira, Arrochela, Lameira. Unha terra de casales e casaliños habitada por 14.000 persoas en 1900 que manexaban a labranza, o gando e os montes pero da que emigraron por milleiros até deixar a poboación nos 8.000 residentes de 1930, reducidos despois durante a ditadura e a recuperada democracia até os 4.000 actuais. Que pasou co territorio nese tempo? Pois o que coñecemos ben máis ao norte.

As políticas autárquicas da ditadura expulsaron milleiros de persoas da actividade agraria para favorecer a repoboación forestal, piñeiros primeiro e despois os eucaliptos que agora vemos queimados, co obxectivo de lograr a autosuficiencia na produción industrial de pasta de papel. A produción hidroeléctrica foi a outra grande prioridade que sacou á xente dos vales para facer, entre outras, a inmensa Barragem do Cabril, na confluencia co río Zêzere. Unha historia sobre a que cómpre volver para reinterpretala á luz do que acontece: abandono e cambio climático. Hoxe aquel territorio traballado secularmente pola acción humana e enriquecido cunha actividade agropecuaria capaz de producir milleiros de persoas é un deserto de encoros e eucaliptos que ardeu de forma natural a resultas de políticas que fomentaron o abandono como errada forma de progreso.

Este verán que se anuncia seco non será, por desgraza, a única noticia de incendios pavorosos da que daremos conta. E non hai servizos contra o lume capaz de paralos.