O galeguismo que di adeus

Inma López Silva
Inma LÓpez Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

30 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Omalo dos relevos xeracionais é que se pagan cun prezo tristeiro. Será porque nos criamos con esta cultura que tende á xerontocracia e á nostalxia, pero o certo é que, malia a irrupción dunha xeración novísima de artistas e activistas que incorporan formas descoñecidas desde as que repensar Galicia, doe a desaparición das figuras que forxaron un modelo de galeguismo para o que non existe relevo e que, de certo, salvou a nosa cultura das gadoupas dunha longuísima ditadura. Esa é a sensación que fica ante o pasamento de Zulueta de Haz, un señor da cultura que imaxinou que Galicia tamén precisaba dunha sorte de aristocracia dos valores e da ética (el dicíao así) para poder autodefinirse como pobo. Sen ese grupo de galeguistas urbanos, liberais, probabelmente o galeguismo sobreviviría ao franquismo dun xeito máis afastado do concepto de sociedade civil produtiva á marxe do Estado (velaí Galaxia, ou as fundacións Penzol, Illa Couto ou Otero Pedrayo), e quizais menos activo na acción cultural pura. Sexa como for, a morte de Alfonso Zulueta, a quen lembro con profundo agarimo escoitando atento as nosas conversas de escritoras novísimas no Consello da Cultura Galega, vén agrandar o baleiro triste que van deixando as persoas que, a cadanseu xeito, foron construíndo esta realidade que hoxe herdamos as que, por lóxica xeracional, estamos chamadas a non deixar esmorecer nin o seu legado nin os valores do galeguismo que nos ensinaron. Poño o nome de Zulueta de par de Fernández del Riego, Xaime Isla ou Mariví Villaverde, e penso que quizais non abonda co que nos deixan se non somos quen de mantermos acesa a súa luz.