Máis mexillón, máis mercados

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

13 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Fronte as predicións de hai vinte anos, a realidade establece que o mercado europeo de mexillóns está en torno ás 600.000 toneladas en equivalente en peso de animais vivos, das que 500.000 son de orixe propio, e unhas 100.000 toneladas de orixe internacional. A aceptación dos mexillóns difire dun país a outro e o consumo per cápita anual varía de menos de 200 gramos a case 4 quilos segundo o país, cunha media de un 1,30 kg/persoa e ano para o conxunto da UE dos 27.

A situación hoxe é ben diferente daquela prevista polas análises de primeiros de século, sobre de todo o informe MacAllister encargado pola Unión Europea, quen diagnosticaban un estancamento ou baixa para o mercado de mexillón en Europa. Outros mantiñamos que o incremento de consumo se produciría nos mercados tradicionais de moluscos (España, Francia, Benelux e Italia), mentres que as expectativas de incremento da produción se situarían en áreas non tradicionais e alleas a este cultivo. Este feito levaría a un aumento das importacións que se produciría nos mercados de produtos transformados, na liña de novas tecnoloxías de conservación e elaboración, e non nos mercados de fresco. Era a adaptación do mexillón ás novas demandas do mercado, lonxe da súa comercialización como se fosen polos con plumas, que se veu practicando maioritariamente ata os anos noventa.

É posible que o predominio dalgunhas análises se convertesen en erros estratéxicos da industria mexilloeira galega nestes trinta anos. A concepción de que para manteren a rendibilidade para o produtor debíase manter limitada a produción, segundo o principio de que a máis produción menores prezos por máis competencia, levou a limitar a produción a esas 3.300 bateas de 500 metros cadrados e cincocentas cordas, e adiar durante tempo a exploración de novos mercados e mesmo de novos produtos. E ante ese erro os mercados buscaron alternativas, entre elas a internacionalización da industria do mexillón.

Dos mariscos de Galicia, tamén da Europa, o mexillón era o único que tiña capacidade para se converteren en alimento. A expansión do mercado de fresco, impulsado polas grandes cadeas de comercialización nestes anos, e a adaptación das técnicas de cultivo para obteren mellores produtos consonte coas esixencias dese mercado, confirman esa situación, até o extremo que hoxe ao mercado de fresco diríxese o 60 por cento da produción, e aporta o 64 por cento da facturación, dez puntos mais que hai dez anos.

Cumpriría pois que as análises actuais e as estratexias novas fixeran por rectificar aquel principio de limitación da produción, e buscaran alternativas en produto e produción para manteren vizosa a industria do mexillón. Por iso non é doado entender que sigan os vellos principios que sosteñen que a menos produción mais valor. O par dos mercados e a produción ten de ser mais enredado. Sempre co permiso das mareas vermellas, o grande limitador, pola máquina ou polo rato.